A- Representación gráfica
"O son é un fenómeno físico que se produce coa propagación de ondas por un fluído."
Cando abramos un arquivo de audio cun editor, aparecerá en pantalla unha gráfica que nos dará unha representación visual dos sons rexistrados. Recoñecer certos aspectos desta gráfica vainos axudar na súa edición simple.
Existen distintos tipos de representacións. Nós imos traballar coa forma de onda.
Na gráfica que nos amosa Audacity temos un eixo horizontal, no que está representado o tempo, e un eixo vertical no que está representado o nivel de ganancia rexistrado.
Cando a forma da onda, é máis alta (se achega máis a 1/-1) significa que temos son forte. Cando a representación se achega ao 0, o audio é máis silencioso.
Se nunha onda apreciamos unha representación gráfica que se mantén constante entorno ao 1/-1 quererá dicir que temos demasiado nivel recollido e na reprodución escoitarase saturado.
Outra información que podemos apreciar a simple vista na gráfica é se temos picos onde o son se saturou (coloreados en vermello no exemplo).
"Parece que nos imos achegando ao ideal (aínda non o temos). Pensa que se xa de entrada temos recollido mal o son (demasiada ganancia), podemos atenuar un pouco o estrago, pero a solución a estes problemas está moito antes, no momento de gravar."
Unha onda idónea sería a que está entre valores 0.5/-0.5, porque non corremos o risco de saturación, e temos un nivel de sinal suficiente.
Se nos quedamos demasiado baixos, sempre podemos subir o volume... pero cando amplificas o son, tamén amplificas o ruído que o acompaña. O ruído será máis ou menos prexudicial en función do nivel de sinal.
Volvendo a revisar a primeira figura, observaremos un exemplo correcto do que debemos ver ao abrir os nosos arquivos de audio.
Outro aspecto importante é si a pista de audio ten dúas canles (estéreo) ou unha (mono).
"Os proxectos de audio poden ser multipistas, permitíndonos a mestura de varios arquivos de onda."