A- Organización dos arquivos
Coa chegada da tecnoloxía dixital á fotografía, o número de imaxes que almacenamos multiplicouse dun xeito ben considerable. E nunha escola, coa cantidade de actividades que facemos ao longo do ano, compre sistematizar a súa organización se queremos facer un uso ben organizado delas.
"A estas alturas do itinerario TIC penso que xa non habería que explicar o seguinte, pero por si acaso alguén se despistou velaí vai a primeira cuestión."
Onde gardalas?
É máis habitual do que parece, toparse con usuarios que levan anos utilizando o ordenador e que almacenan cantidades enormes de información no escritorio (incluídas por suposto tódalas fotos feitas nos... últimos cinco ou seis anos?).
E se por un casual nos vemos na obriga de formatear o ordenador? Un virus, a instalación dun programa que causou inestabilidade no SO...
Calquera carpeta que teñamos na mesma partición onde está o sistema, perderase no caso de ter que chegar a tan drástica medida, pero é que ás veces pasa, e non queda outro remedio.
Suxiro gardar as fotos e demais documentos importantes nunha partición do disco duro distinta da que teña o sistema operativo. E se lle temos aprecio ao noso traballo, non chega con isto, e deberíamos ter copia de seguridade en outro disco (externo ou doutro ordenador).
Os discos duros estráganse ás veces, poden entrar no colexio e roubar o único ordenador onde tiñamos gardado o traballo, os CDs ou DVDs onde gardaba a información raiáronse...
Como organizalas?
Eu fágoo do seguinte xeito. Na raíz deses discos que dedico ao almacén de arquivos creo unha carpeta á que lle chamo FOTOGRAFÍA.
Dentro desa carpeta están outras cos distintos cursos escolares: 2005_2006, 2006_2007, 2007_2008... (o meu arquivo persoal vai por anos, pero o da escola por cursos)
Nesta captura de pantalla do disco de duro externo que empregamos como copia de seguridade podemos ver a carpeta fotografía entre as demais. |
|
Dentro desa carpeta están as carpetas de cada curso escolar. |
(Hasta aquí parece todo obvio, pero ben sabemos que a pesar das recomendacións...)
E como nomear ás carpetas que van dentro destas e que son as que van ter os arquivos de imaxe?
Dous díxitos para o ano, dous para o mes e dous para o día. Despois palabras que identifiquen as fotos que van dentro.
Exemplo: 080401_ENTROIDO
Se o número do mes ou do día só ten unha cifra, hai que encher con 0, para que non teñamos problemas. Deste xeito, ao darlle ao comando ordenar carpetas por nome, farao por orde cronolóxica e facilitaranos localizar as fotos.
"IMPORTANTE!!! Para que isto funcione debemos poñer primeiro os díxitos do ano, despois os do mes e logo os do día, se non a orde alfabética no se corresponderá coa cronolóxica."
Detalle do arquivo de imaxes tomadas no curso 2010/2011 |
Outro xeito de localizar carpetas será o comando buscar. Se poñemos unha palabra que está no nome dunha carpeta atoparémola sen problemas, por iso debemos estar acertados á hora de nomealas.
Que haberá dentro destas carpetas?
Pois aquí é onde arquivaremos as fotos tal como saen da cámara. Non esquezamos que isto é o arquivo, pero máis adiante veremos que algúns destes orixinais ímolos procesar, facer versións para distintas saídas (imprenta, web, vídeo...), gardar en outros formatos...
Estes arquivos serían o equivalente aos negativos da época analóxica, e nunca debemos gardar cambios sobre eles, para non alteralos e poder volver sempre ao orixinal, xa que o noso procesado de imaxes será moito mellor dentro dun tempo que agora que comezamos, por exemplo.