D- Formatos de arquivo

Este apartado é moi importante, é debemos ser metódicos, xa que non podemos/debemos "pisar" o arquivo orixinal (perderemos a oportunidade de volver empezar o tratamento de 0 se non quedásemos contentos ou cando xa sabemos procesar mellor as imaxes.

Normalmente o formato con que as fotos saen da cámara é o JPG, aínda que algunhas gravan tamén os arquivos en TIFF, e RAW (este último require un procesado distinto en programas específicos para negativo dixital).

JPG é un formato con compresión, é dicir, por pouco que sexa perdemos calidade do arquivo en cada gardado.

O que indican todos os manuais de edición de fotografía é que logo do procesado se garde, coa resolución do arquivo, en formato TIFF. Este non comprime por defecto (aínda que se lle poda aplicar a opción).

Para non separar orixinais de procesados e ter localizadas as fotos do mesmo acontecemento no mesmo cartafol, podemos crear un novo xunto cos orixinais, ao que denominaremos TIFF. Aí será onde gardemos as mellores fotos do día, as que fomos escollendo, abrimos e procesamos.

 

 

Será destes TIFFs de onde sacaremos as distintas versións que precisemos, a distintas resolucións. Suponse que nesa carpeta TIFF estarán as mellores fotos que tomamos ese día, xa que son produto dunha selección.

Abriremos o TIFF, modificaremos o tamaño, e gardaremos en JPG para que pese menos, pero deste xeito só comprimimos unha vez.

Queremos outra resolución para outra publicación? Repetimos o proceso. Sempre dende o TIFF, para aforrarnos compresións do arquivo.

 

Como cambio a resolución da imaxe?

Algo que non tratamos aínda é como modificar o tamaño das imaxes (non dos arquivos, aínda que teña relación).
Estamos acostumados a traballar en cm., pero non está de máis que nos afagamos a traballar en píxeles, pois estes cadrados son en realidade os que outorgan o tamaño á imaxe.

"O demais son proxeccións, como cando afastabamos o proxector de diapositivas para facer a imaxe máis grande (máis ou menos). A diapositiva non cambiaba, pero si o tamaño do que víamos. Se nos pasábamos de tamaño, non se apreciaba a mesma definición."

No panel "Escalar la imagen" (Imagen/Escalar la imagen), poderemos cambiar a resolución da nosa imaxe, ademais de facer outros cálculos.

 

Exemplo 1: "Cambiar a resolución do arquivo"

 

Ao abrir o panel vemos o número de píxeles que compoñen a imaxe. Neste caso 4288 x 2848 (a resolución coa que saen da cámara)

Se quero modificar o seu tamaño non teño máis que por unha cantidade de altura, por exemplo, darlle ao tabulador e automaticamente calcularase o largo.

Para este cambio non teño porque seleccionar outra unidade de medida. Deixámolo en píxeles.

Neste exemplo modifiquei o tamaño da imaxe anterior a 800 x 531. Para que se aplique na imaxe prememos en "Escala".

 

 

A nova imaxe terá unha resolución moitísimo menor, por iso ao gardar o arquivo pesará tamén moitísimo menos.

Por que cambiar a resolución? Pensa que o escenario dunha presentación terá como moito a resolución do monitor ou canón de vídeo (800x600, 1024x768...).

Para que incrustar imaxes con máis? Para que pese máis o arquivo?

O mesmo para as Webs, os vídeos, enviar por correo electrónico... todo o que sexa para ver en pantalla.

 

Exemplo 2: "Calcular o tamaño en cm. en función dos píxeles totais que teño e os que preciso por pulgada"

Podemos empregar o mesmo panel para calcular o tamaño máximo da nosa imaxe en centímetros, en función da saída que lle imos dar. No apartado dous xa explicara que a resolución para imprenta é 300 ppp, para laboratorio fotográfico 254 ppp e para pantalla 72.

Como saber que tamaño en cm. me permiten os píxeles que teño, para cada unha desas saídas?

En primeiro lugar cambio a unidade a centímetros, e observo que cos píxeles que teño, a 72 ppp, sae unha imaxe de 151x100 cm.

Cando lle cambio a resolución a 300 ppp, o cálculo que sae é de 36 x 24 cm.

 

 

Nestas accións, gañei ou perdín píxeles? Non. Simplemente calculei, cos que tiña (4288x2848), que tamaños en cm. podería ter.

Se por exemplo lle indicara 254 ppp, sairíame o tamaño no que podería imprimir nun laboratorio fotográfico sen ter que interpolar a imaxe: 42 x 28 cm.

Resumindo. Cos mesmos píxeles, nunha imprenta offset sacaríamos un 36 x 24 cm., e nun laboratorio fotográfico 42 x 28 cm. sen interpolar a imaxe.

 

Como gardo a nova versión do arquivo?

Agora xa o podo gardar en JPG, e nunha carpeta distinta, pero dentro da carpeta onde están os orixinais, para que estea máis organizado (a carpeta pódese chamar Web se son versión optimizadas para iso, Vídeo, se as preparamos para unha montaxe...)

Deste xeito sempre teremos na mesma carpeta os orixinais, a versión de máxima resolución e calidade (TIFF), e as demais versións optimizadas para as distintas saídas.