C- Axustes básicos

Toda imaxe que sae da cámara pode ser mellorada grazas ao editor de imaxes. Independentemente de cal sexa o empregado, os conceptos básicos que imos manexar serán os mesmos: niveis, saturación, brillo e contraste... axudarannos a procesar as nosas fotos, dun xeito máis sinxelo, preciso e económico que os procesos de revelado analóxico que só estaban ao alcance duns poucos.

 
IMPORTANTE!!! DEBERÍAS CALIBRAR O MONITOR

Se queres ter uns resultados óptimos compre que calibres o teu monitor, xa que todo o que fagas cun monitor mal calibrado en vez de arranxar, o que pode e estragar todo.

No tempo que dedicamos neste curso ao tratamento da imaxe é imposible abordar este asunto, pero para que che sirva de guía:

- O monitor pódese calibrar por software ou por hardware.
- Mellor facelo por hardware. Chámase colorímetro.
- As condicións de luz do lugar onde estea o monitor e o tipo de luz que lle incida (directa ou indirecta, cálida ou fría...) farán que o vexas dun xeito ou doutro.
- Dous monitores idénticos, conectados a idénticos ordenadores, un a carón do outro, non teñen por que verse iguais.

No proceso de calibrado terás que axustar brillo, contraste, temperatura de cor... da túa pantalla, segundo te vaia indicando o asistente, e mediante a lectura do colorímetro xerarase un perfil de cor que se cargará ao iniciar o ordenador.

Se temos o monitor axustado e levamos a imaxe a outro monitor tamén axustado veranse case idénticas, pero se non están calibrados o habitual e que haxa moita diferenza.


 

Amosaremos o proceso de control da luminosidade dunha imaxe cunha fotografía de exemplo que iremos modificando paso a paso. Aquí está tal como sae da cámara (baixándolle a resolución).


 Durante unha sesión de experimentos coa Auga. PDI '11

 

1. NIVEIS

O histograma é unha gráfica que nos indica a cantidade de "píxeles" que hai en cada un dos tons da escala de grises que van dende o negro ata o branco.

Aparece cando lle damos ao comando Niveles. (En Gimp está no menú Colores)

 

 

Se a nosa imaxe non ten píxeles negros (100%) na gráfica non aparecerá información á esquerda. Podemos mover a pestana de cor negra que está debaixo da gráfica hasta que atopemos os píxeles máis escuros (gris). O efecto será converter eses píxeles grises en negros.

O mesmo proceso farase co branco, á dereita da gráfica.

No medio da gráfica está o gris neutro (50%). Moveremos cara a dereita ou cara a esquerda en función de se queremos que os píxeles se escurezan ou se aclaren. Isto cambiará a luminosidade xeral da imaxe.

Obviamente non hai un axuste estándar que nos valga para todas a imaxes. Cada arquivo requirirá un procesado segundo o noso gusto. Se todo o imos facendo con sutileza conseguiremos un bo resultado final.

 

 

Se unha imaxe sae ben tomada da cámara (a lectura da luz é a correcta) pode non precisar que empreguemos este comando.

Saberémolo observando a gráfica e apreciando que existen píxeles negros, brancos e que a luminosidade xeral da imaxe está correcta.

Ao final destes primeiros procesos básicos veremos como vai indo o traballo.

 

2. SATURACIÓN

Empregaremos este comando para intensificar as cores vivas da imaxe. Coidado con abusar, pois desvirtúaa moito

 

(En Gimp no menú Colores/Tono y Saturación)

Se quixeramos saturar ou desaturar unha gama tonal concreta poderíamos seleccionala na casiña correspondente. Para aplicar o efecto sobre todas as gamas, premeríamos en Principal.

As outras posibilidades quedan para a vosa investigación. O programa permite máis axustes nesta paleta.

Se lle damos saturación -100 pasaríamos a imaxe a escala de grises, pero habemos de aprender un xeito mellor de virar a branco e negro.

 

3. CONTRASTE

Con esta acción intensificaremos a diferenza entre as zonas claras e escuras da imaxe. (En Gimp no menú Colores/Brillo y Contraste)

 

Fagamos unha paradiña logo para ver como vai o noso proceso.

 

Importante!!! non gardar cambios sobre o arquivo no que estamos a traballar, xa que perderíamos o orixinal tal e como saíu da cámara, e non debemos.

 


 

Nas imaxes anteriores tes todo o proceso realizado, dende a superior esquerda (sen axustes) ate a inferior dereita (con niveis, saturación e contraste).

Se es dos que non quedou moi abraiado imos facer a proba de verdade. Na paleta da dereita fai clic sobre a pestana da frecha amarela para ver o historial (se non estivera a paleta hai que ir ao menú Ventana/Diálogos empotrables/Historial de deshacer).

[ Imagen base ] é a foto acabada de abrir. Fai clic nese punto e no último e poderás apreciar mellor a diferenza.

 

   

 

Se premes nun paso intermedio e fas outro axuste perderás os que tiñas dende ese punto ate o final.

Ate aquí o máis elemental que deberíamos axustar en cada foto das que imos empregar. Xa comentabamos antes que dende que entrou a tecnoloxía dixital na fotografía o número de imaxes aumentouse considerablemente.

 

Que imaxes axustaremos? Aquelas que seleccionamos de entre todas as que facemos. Non hai que axustar todas as do arquivo, pero si as que destacan pola súa composición, o momento que recolle... e por iso as imos publicar.

 

4. BRANCO E NEGRO

Unha das posibilidades que nos ofrecen os editores de imaxe é convertelas a Branco e Negro. Nunca debemos empregar esa opción na cámara, pois perdemos a posibilidade de ter a imaxe tamén en cor. Deste xeito teríamos as dúas posibilidades.

Outra das cousas que non debemos facer para virar as fotos é ir a Imagen/Modo/Escala de grises, pola perda de información que supón, e as poucas posibilidades de control sobre o proceso.

Existen na rede moitos métodos para Gimp. Eu propoño o emprego do "Mezclador de Canales". (Colores/Componentes/Mezclador de Canales)

 

 

Clic en "Monocromo" e en "Conservar la luminosidad". Xogando cos controis das distintas canles RGB podemos controlar que porcentaxe de cada canle se emprega para a conversión.

"(Paréntese) Algo que lle queda ben ás fotos en branco e negro é o ruído monocromo, imitando ás imaxes de película con gran. (Filtros/Ruido/Ruido RGB)

Desmarcar "RGB independiente" e axustar a cantidade deslizando de unha das canles. As cantidades variarán segundo o noso gusto e a resolución da imaxe (a máis resolución, máis cantidade precisaremos)."

 

5. ENFOQUE

No caso de que se precise, este sería o último filtro en empregarse, xa que tódolos cambios posteriores acentuaranse máis.

(Filtros/Realzar/Enfocar)