FOTOGRAFIA

Unha das principais carencias que atopamos nas mensaxes audiovisuais producidas no ámbito escolar é o pouco atractivo das imaxes amosadas, a pesar da grande riqueza visual de moitos dos traballos, situacións e escenarios de aprendizaxe.

Independentemente de se a imaxe é estática ou en movemento; se é un deseño, unha fotografía, unha secuencia de vídeo; se se trata dunha composición de distintos elementos gráficos e textuais...; cómpre que o seu atractivo "enganche" ao espectador para que este non perda rapidamente a atención.

Nun mundo cada vez máis cheo de estímulos audiovisuais que nos chegan a través das distintas canles tecnolóxicas, debemos tentar de poñer da nosa parte todas estas estratexias que tan bos resultados lle da á empresa privada e que tan alleo nos parece á maioría dos profesionais do ensino.

Un dos nosos primeiros obxectivos como docentes será conseguir un mínimo grao de atención entre o noso alumnado, e que aquilo que queremos empregar como ferramenta non se nos volva en contra e xere o efecto contrario.

"Imaxina unha persoa que se propón escribir unha novela, pero malamente é capaz de facer unha pequena redacción..."

"Cambiocho por un conto", actividade do Día do Libro '11.

Quizabes será mellor que comecemos esta parte do curso tentando mellorar a materia prima do produto, para pasar despois á creación de mensaxes máis elaboradas, e que conteñan a variedade de elementos que queiramos incluír.

A pretensión nesta primeira parte é que, facendo un pequeno repaso das claves da Fotografía, poidamos chegar a esas estratexias que nos permitan dar unha base de maior calidade ás nosas creacións.