Uso de marcos flotantes
As veces é necesario, cando estamos a traballar nun documento, ter á vista outro ou amosar o seu contido á persoa que está a traballar, neste caso, coa folla de cálculo. A opción que atopamos en Menú > Inserir > Marco flotante, permite inserir un marco flotante no documento actual. Nos documentos HTML os marcos flotantes empréganse para amosar o contido de outro arquivo.
Imos incluír na folla Táboa dinámica_Folla1_2, do arquivo de Calc co que estamos a traballar un marco flotante cos datos iniciais dos ingresos do alumnado para as excursións organizadas no centro. Para isto realizamos os seguintes pasos:
- Imos a Menú > Inserir > Marco flotante.
- Na xanela emerxente poñemos o nome ao marco flotante e buscamos o arquivo Ingresos_Excursión.ods.
- A barra de desprazamento a poñemos de forma automática, o bordo activado e, aínda que non é necesario, seleccionamos un espazo para o marco flotante, e prememos en aceptar.
Dentro do marco que agora inserimos podemos desprazarnos entre os datos, buscar, consultar, cambiar de folla, seleccionar un conxunto de celas, copiar ese conxunto de celas e pegalo no documento co que estamos a traballar, etc… pero non podemos en ningún caso facer modificacións nel, é un arquivo no que só se permite a lectura.