Menús contextuais.
O menú contextual chámase así porque ofrece diferentes opcións segundo o que esteamos facendo e o programa que esteamos a utilizar; aparece ao facer clic co botón dereito do rato sobre unha icona ou outro elemento calquera que teñamos en pantalla. Nas imaxes vemos o menú contextual que aparece ao facer clic co botón dereito sobre un elemento do escritorio, e o que aparece cando facemos o mesmo traballando nun editor de texto.
As opcións que aparecen en gris clariño non poden ser aplicadas nese momento. A opción "Pegar", por exemplo, unicamente estará activa se previamente copiáramos ou cortáramos algunha porción de información que pasara a almacenarse no portapapeis.