Manexo de ficheiros

O Sistema Operativo dun ordenador está composto por multitude de arquivos ou ficheiros informáticos. Cada un deles ten unha función e pode controlar os aspectos máis diversos do noso equipo: a tarxeta gráfica, a impresora, o son, o recoñecemento de tarxetas de memoria das cámaras de fotos ou video...

Estamos falando de miles de ficheiros que deben estar ordenados e perfectamente almacenados para que o SO "saiba" onde atopalo en cada momento. No ámbito inoformático, os arquivos gárdanse en directorios ou carpetas. Estas carpetas poden conter á súa vez, outras carpetas ou documentos. É o que chamamos árbore de ficheiros, tal e como vemos na imaxe grande da esquerda.

As carpetas e ficheiros que están gardados no disco duro da nosa computadora pódense ver e percorrer por medio dun programa chamado xenéricamente "Explorador de ficheiros" e que se pode atopar no menú "Aplicativos > Ferramentas do sistema". O "nome propio" desta aplicación é "Nautilus".

Os cartafoles represéntanse coa icona , e os ficheiros coa icona correspondente ao seu tipo ( icona ficheiro mp3 ) ou a do programa co que están asociados.

Se facemos doble clic nunha carpeta, abrirase amosando o seu contido. Se facemos o mesmo sobre un ficheiro, abrirase o programa asociado para executalo, ou se non existe, o S.O. preguntaranos con que programa queremos abrir o ficheiro.

Nos sistemas Linux, o usuario só pode acceder aos cartafoles e arquivos contidos no seu propio cartafol raiz. Este cartafol raíz atópase na carpeta /home do sistema de ficheiros. Adoita ter unha ligazón directa dende o escritorio, tal e como podemos ver na imaxe. Neste cartafol poderemos almacenar os documentos que creemos ou copiemos, tales como fotos, vídeos, documentos de texto, follas de cálculo, imaxes tratadas, arquivos comprimidos etcétera.

É importante sinalar que para modificar, copiar ou eliminar arquivos que estean fóra da nosa carpeta de usuario necesitaremos o contrasinal de administrador; sen este contrasinal non poderemos levar a cabo ningunha destas accións aínda que teñamos a posibilidade de ver o contido de carpetas e ficheiros. Non hai, pois, posibilidade de eliminar ou modificar un ficheiro que poda poñer en perigo o funcionamento do sistema operativo. 

 

 

  • No escritorio, fai doble clic na icona "Computador". Despois "Sistema de ficheiros". Tenta localizar a túa carpeta persoal e abrila.
  • Unha vez no teu cartafol de usuario, fai clic co botón dereito do rato e selecciona "Crear cartafol..." pónlle o nome que prefiras.
  • Sal da carpeta recen creada; clic co botón dereito do rato e selecciona "Renomear..." ponlle un nome novo.
  • Agora, clic nela co botón dereito do rato e selecciona "mover ao lixo".

Acabas de crear, renomear e eliminar unha carpeta!