O público fai posíbel a existencia do repente: acode para gozar, por curiosidade, por sentirse partícipe. Podería estar noutro lugar mais cada persoa que vai a unha actuación de repente galego elixiu ir a ela, ver, ouvir  e, en definitiva, formar parte.

Sen público nada é posíbel.

O público é quen mantén vivo o repente galego. Debémoslle todo o respeito porque o público respeita, goza, admira e, ás veces, paga.

Sabemos dúas cousas, como mínimo, sobre o  público que participa dunha actuación de repente galego: o momento  e o espazo da actuación. É público so século XXI e está na Galiza. Este é o noso marco xeral de actuación.  Máis concretamente, é diferente improvisar nas Cruces que en Vigo, ou nun bar que nun auditorio. É diferente regueifar no verán que no inverno, ás dez da mañá que ás dez da noite. É diferente regueifar para o público dun Festival de Rock que na clausura dunhas Xornadas de Sociolingüística.

O público participa: o seu silencio, os seus aplausos, os seus comentarios, e calquera das súas manifestacións condicionan a improvisación. O público é un protagonista activo da actuación.

O público non é un ente abstracto, indefinido. O público son persoas.  E o  público tamén é o noso pobo.

O público non é homoxéneo. No público pode haber  especialistas no repente galego e xente que acode por vez primeira ao espectáculo. Hai xente que nunca antes  viu improvisar en verso. E quen coñece as destrezas, debilidades e fortalezas das regueifeiras e regueifeiros que ten diante, que é amadora e participa activamente deste movemento social, e xente que, sendo público, tamén regueifa.

O público é crítico. Valora o traballo creativo das persoas que improvisan e as súas valoracións axudan a mellorar o movemento do repente galego, porque o público forma parte do movemento. E un público coñecedor, crítico, activista é imprescindíbel.

O movemento do repente galego precisa xente que acompañe o proceso de aprendizaxe continua das artistas, organizacións e axentes sociais participantes. O público comprende erros e recoñece logros. O público tamén se forma neste proceso de desenvolvemento sociocreativo.

O público é exixente: gosta de ver evoluír o movimento do repente, as artistas, a organización, os debates, as ideoloxías, os procesos. O repente galego precisa xente  exixente, inconformista, que confíe en que, entre moita xente, o repente galego está nun proceso de desenvolvemento contínuo.

Cada vez que a xente se converte en  público está a comprometerse e a apoiar  -mesmo economicamente- o repente galego.  Ese compromiso debe ser recíproco: as artistas tamén se comprometen a apoiar o movemento, que é suma de persoas e, polo tanto, colectivo.  O compromiso é cooperativo.

O repente galego precisa público novo. É necesario que cada día se sume máis xente a esta corrente sociocultural e artística, polo que o movemento debe desenvolver unha dimensión divulgativa, facilitadora, aberta, inclusiva.

Precisamos que o público que participa nunha sesión  de repente galego saia do evento con vontade de voltar á seguinte actuación.

Nós somos público.

Última modificación: luns, 6 de febreiro de 2017, 2:38 PM