Esta é unha actividade voluntaria de lectura para obter información e realizar as tarefas deste bloque.

Recentemente ven de presentarse un libro imprescindíbel para entender o mundo da improvisación oral en verso denominado “Repente Galego”, encargado pola asociación ORAL de Vigo a Ramom Pinheiro Almuinha e editado pola Deputación de Pontevedra. Este traballo conta con un brillante traballo de estudo musical e transcricións de Sergio de la Ossa. Neste estudo hai un interesante achegamento á formación da melodía nos brindos no que destaca: “As caracterísicas musicais que se observan nos brindos cantados polo Ribeira (de Louzarela) son tamén aplicábeis á interpretación das muiñeiras vellas na súa localidade: a estrutura melódica base; o tipo de variantes melódicas e rítmicas; a afinación flutuante, non temperada, ou o tratamento do ritmo adecuándose en gran medida á prosodia do texto” (R.Pinheiro, p.133)

Ao mesmo tempo, Dorothé Shubart comenta que a orixe das melodías da regueifa “Proceden do mesmo material melódico que as muiñeiras e jotas vellas desa comarca (Bergantiños)” e declarou que certos intérpretes de regueifa “improvisan só o texto e adáptano a unha melodía bastante formada, outros, porén, forman tamén a melodía espontaneamente” (Schubart, p.333). Para as persoas que desexen ampliar información sobre esta formación progresiva de melodías e as súas variantes pode consultar a seguinte fonte: Shubart, D e Santamarina, A. (1988): Cancioneiro popular galego, vol. V. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza (T.I, pp.15-18)

Na presente actividade imos tentar realizar unha breve clasificación das diferentes melodías que se empregan a día de hoxe na improvisación oral en verso en Galiza:

1.- Melodías Antigas”: Caracterizadas polo seu carácter melismático e arcaico. Con pequenas variacións melódicas na ornamentación, dependendo da persoa que as interpreta e a intensidade do desafío. Os tempos de interpretación tamén varian, pero cabe citar unhas declaracións de Celestrino no ano 1982 (Varela, p.23) nas que explicaba que a regueifa se cantaba “canto máis despacio mellor, porque vaise pensando según o que se vaia decir”.

Imos citar uns cantos videos para que observedes a variedade de melodías e artistas:

1.1.- Estilo de Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Calviño de Tallo, Celestrino de Leduzo e Fermín da Feira Nova (Agora empregadas por Suso de Xornes e Antonio de Xornes)

Aquí podedes ver un video de Fermín da Feira Nova e Suso de Xornes. E este outro video de Suso e Antonio de Xornes.

1.2.- As melodías empregadas para o brindo na zona do Courel. por . Están as recollidas por Xosé Manuel Foxo na colección de discos dos Filandóns do Courel a Antonio Río (Ribeira de Louzarela). Tamén foi grabado por Xesús Mato e están as melodías analizadas no arquivo sonoro do APOI. Mini e Mero tamén teñen cedido ao APOI unha gravación repentizada realizada aos irmáns Pepe e Álvaro de Forgas.

Este é un video no que Xesús Mato presenta a Xosé Antonio Río (Ribeira de Louzarela)

Aquí podedes ver un video moi recente Birindando con Alba María. Dúas xeracións con moita xera

Neste outro video do Filandón do 2011 podemos ver unha actuación de José Veloso de Forgas no que comeza brindando e continúa co conto do casamento

1.3.- Neste video do arquivo de escritores en lingua galega, podemos escoitar diversas melodías empregadas por Fermín da Feira Nova, Fermín Calvo, Raimundo Cousillas, José Rodríguez e Manuel Fariña. Aquí podemos observar un curioso video no que aparecen varios regueifeiros mantendo a súa melodía propia sen variar na controversia.

1.4.- As melodías empregadas polos regueifeiros en Borneiro no 2016. Video recollido polo proxecto Regueifesta no que regueifan Fernando Mato, José María de Borneiro, Manolo Dios, Lupe Blanco, O Fariñeiro de Cesullas e Remixio de Coens.

1.5.- As melodías empregadas neste video do Luar pola veciñanza de Santa Comba no ano 1.995

2..- Melodías modernas”: Empregadas pola nova xeración de Regueifeiras e Regueifeiros. Son temas tradicionais adaptados para realizar coplas octosilábicas rimando as pares e quedando libres as impares. A melodía está moito máis marcada e temperada, con leves modificacións de afinación ou escala. Cabe citar que estas novas melodías interpretadas pola nova xeración de regueifeiras e regueifeiros ás veces tamén empregan “melodías antigas” coa peculiaridade que buscan unha estandarización das mesmas (perdendo así unha das súas características máis importante; a espontaneidade melódica).

2.1.- “Ao pasar pola Coruña”. Recolleita a Eva Castiñeira de Muxía por Pablo Quintana.   Gravada e Editada no 1984 por Edigal na Coruña. Popularizada por Pinto de Herbón no mundo da Regueifa e por Luar na Lubre no mundo da música folque. Por primeira vez na Regueifa, emprégase unha peza con un retrouso no que canta o público. Este recurso é un xeito de darlle tempo á persoa repentista para pensar na seguinte copla. Ao mesmo tempo, o público implícase na controversia e pasa a ser un actante da mesma. En ocasións nas que unha única persoa está a improvisar é unha boa ferramenta para poder darlle tempo a coller o fío do discurso. Ben é certo que hai Brindos realizados por Antonio Río nos que non hai ningún descanso e é capaz de fiar moitas estrofas seguidas con grande mestría.

Neste video podemos ver a Pinto e a Caruncho regueifando en Piloño.

2.2.- “Romance de Cego” empregado e popularizado por Luís Caruncho nos obradoiros de Oral en Vigo. Según palabras do propio Luís “non me lembro cando comecei a empregala, xurdiu para improvisar e pareceume axeitada... curiosamente cadramos en Formentera con unha muller que improvisaba coa mesma melodía e chamáballe La canción del Ciego...”. Neste video está presentando un concerto de Sés con Josinho da Teixeira.

Luís Caruncho e máis Pinto de Herbón son unha das parellas regueifeiras máis coñecidas ao longo do país. Son multitude de obradoiros escolares os que levan impartido e centos de festas amenizadas coa súa destreza improvisadora. Aquí tendes outra melodía que empregan habituamente.

2.3.- “A saia da Carolina modificada”. Empregada moito por Bieito Lobariñas. É unha versión da saia da Carolina.

Aquí podemos ver un exemplo con Alba María e o propio Bieito nas festas da rúa de San Pedro en Compostela.

Última modificación: lunes, 20 de febrero de 2017, 22:29