Seguindo o modelo competencial da Rede de Formación, o presente proxecto pretende facer fincapé en cada unha das sete competencias profesionais docentes.

Competencias xenéricas de perfil:

1.- Educador/a guía no proceso de aprendizaxe e desenvolvemento do/a alumno/a:

O profesorado está construíndo novos procesos de aprendizaxeno alumnado.

2.- Membro dunha organización:

O profesorado está organizando, planificando e coordinando unha nova materia para o seu centro educativo.

3.- Interlocutor/a e referente na comunidade educativa:

O profesorado promoverá con esta formación valores de convivencia, compromiso persoal e ético.

4.- Investigador/a e innovador/a:

O profesorado está aplicando novas ideas, propostas e prácticas educativas coa finalidade de mellorar as competencias do servizo educativo.

Competencias instrumentais e transversais:

5.- Especialista na súa materia:

O profesorado está xestionando e construíndo o coñecemento existente integrándoo de xeito crítico na súa realidade.

6.- Comunicador/a en linguas maternas e estranxeiras:

O profesorado emprega a improvisación oral como representación, interpretación e comprensión dunha realidade e un intercambio de coñecementos, ideas e emocións.

7.- Competente en tecnoloxías da información e a comunicación:

O profesorado fará uso de software libre para editar audio (Audacity) e traballará coas ferramentas de moodle e exe-learning para a realización do curso.

Subcompetencias:

O presente curso está encadrado na Temática da Narrativa transmedia multidisciplinar, desenvolvendo as seguintes subcompetencias:

23.- Destrezas comunicativas verbais e non verbais: técnicas e estratexias para o desenvolvemento e mantemento

24.- Software

Nun momento en que constatamos unha crise nas habilidades comunicativas orais nesta “Era da Comunicación”, pensamos que o sistema escolar debe actuar ofrecendo unha formación de calidade a través de novos modelos pedagóxicos, actualizados e experimentais. A “Escola” corre o risco de ficar distanciada da evolución sociocultural. A aprendizaxe de habilidades de comunicación social através da oralidade, convivindo coas novas tecnoloxías da comunicación, parécenos unha vía con grandes posibilidades de desenvolvemento.

Estase a poñer de manifesto a necesidade de actualizar o traballo oral no contexto educativo para mellorar a capacidade comunicativa do noso alumnado para expresar sentimentos, coñecementos, opinións ou proxectos e esta materia quere participar nesa renovación pegadóxica.

Ademais, pensamos que aprender a falar é unha experiencia social que ten en conta aspectos lingüísticos, sociolingüísticos, discursivos e de estratexia comunicativa. A planificación e realización do proxecto de Regueifa 2.0 está estreitamente vinculado con correntes didácticas de vangarda ás que, coa nosa experiencia, queremos contribuír, relacionando ámbitos científicos como a lingüística, a etnomusicoloxía, a psicoloxía social, a antropoloxía ou a socioloxía.

No noso caso, este proxecto ten unha importancia dual, tanto no plano de formación persoal do profesorado como no desenvolvemento desde os centros educativos dun proceso colectivo de creación e dinamización sociocultural.

Este proxecto contribúe a desenvolver destrezas vinculadas coas competencias clave, das que aquí destacaremos tres: a comunicación lingüística, xa que permite unha extraordinaria mellora das destrezas comunicativas, especialmente das de carácter oral; as competencias sociais e cívicas, pois a improvisación oral en verso ten como destino comunicativo participar de xeito eficaz e construtivo na vida sociocultural; e a competencia do sentido da iniciativa e espírito emprendedor, pois a oralidade fomenta a proactividade, o autocoñecemento e a autoestima.

Última modificación: lunes, 20 de febrero de 2017, 21:46