2.2. PUBLICIDADE MODERNA.

Desde o s. XV ata mediados do s. XIX[1]

Hai varios factores que impulsaron a evolución da publicidade: a aparición da imprenta, a evolución da actividade económica, o aumento da produción coa Revolución Industrial, o desenvolvemento dos medios de comunicación, e a loita pola liberdade de expresión.

Danse catro feitos económicos por primeira vez na historia:

  • Un gran aumento na compravenda, limitada ata entón.

  • A diversificación de produtos e servizos, que permite a persoas consumidoras e clientes elixir entre opcións distintas.

  • O crecemento da competencia, que aumenta en función do desenvolvemento económico e da capacidade de produción e do comercio.

  • O excedente de produtos, que da a volta a mentalidade dos fabricantes, ata entón só pendentes da súa capacidade de produción.

Os excedentes cambiaron o sistema. Era necesario dar saída aos produtos que se fabricaban cada vez máis rapidamente e con menor custo. A publicidade converteuse nunha fórmula válida para dar a coñecer a oferta e influír sobre as vendas, ao mesmo tempo que xa a usaban outras organizacións non comerciais.

A relación simbiótica entre empresas e medios de comunicación comeza a madurar, xa que poden compartir as súas necesidades. As empresas necesitan comunicar a existencia de produtos e servizos e acadar vendas e contratos. Os medios necesitan difundir información e opinión sobre os acontecementos que afectan á comunidade á que se dirixen. Ambos teñen un público obxectivo común. Calquera fabricante ou comerciante que queira dar a coñecer a súa  mensaxe pode inserila nos medios. Estes, ao ceder parte do seu espazo logran unha investimento que necesitan para sobrevivir ou medrar, xa que a venda de exemplares non é suficiente.

As dúas actividades, empresarial e xornalística, atopan nos adiantos técnicos un aliado que revoluciona as súas posibilidades. O aumento de tiradas dos xornais, agora máis baratos, amplía o número de lectores e as empresas ven neles un xeito eficaz de aumentar a súa notoriedade e aceptación. Nesta etapa a publicidade adquire un papel imprescindible no sistema empresarial e da comunicación, que se reforzará na etapa seguinte.

Profesionalización. Desde mediados do s. XIX ata os anos 20’ do s. XX.

A profesión publicitaria adquire unha posición de intermediaria entre os anunciantes e o seu público, no mercado de produtos, servizos e ideas.

Por unha parte, os anunciantes son cada vez máis grandes e numerosos. Comezan a crearse os primeiros monopolios de petróleo, aceiro e banca, así como outras grandes empresas nos sectores da hostalaría, xornalismo, inmobiliario ou licores.

Por outra parte, os medios amplían os seus contidos, o que precede á especialización. Aparece a figura do axente de anuncios ou axente de xornais, que era un corredor ao servizo dos xornais ao que lle daban unha comisión por atraer e colocar publicidade nas súas páxinas. Estes axentes compraban grandes espazos nos medios que logo revendían aos anunciantes. Pero estes últimos cada vez necesitaban máis outro tipo de servizos: como redactar os anuncios, as ilustracións adecuadas e que medios eran os máis axeitados. Para isto o axente necesitaba ser independente cara a poder resultar fiable. As primeiras oficinas de anuncios créanse en 1841 en Filadelfia e en 1845 en París. Pero a primeira axencia de publicidade, entendida como tal e que ademais do espazo nos medios, oferta a elaboración do anuncio, creouse en 1869 en Filadelfia (“Ayer and Son”)

En España a evolución é similar. A primeira oficina de anuncios creouse en 1870 en Barcelona (“Roldós y Compañía”)

Hai unha serie de nomes, considerados pioneiros nesta profesión: Lasker, Resor, Rubicam, Burnett, Hopkins, Bernbach, etc.

Os medios empregados son a prensa, os carteis e outros soportes externos: valos, home-anuncio, transportes, etc.

A sinxeleza e eficacia do cartel, un anuncio colocado na rúa visible para todo aquel que pase, mantense ao longo da súa historia, vinculada á arte, á propaganda, á literatura e á relixión, así como ao comercio.

Dende os primeiros carteis de calidade mediocre aos actuais elaborados polos deseñadores gráficos, non perdeu nada da súa capacidade expresiva e comunicativa. Gustou da colaboración de grandes artistas no seu momento: Manet, Toulouse Lautrec, Ramón Casas, Riquer e Gaudí entre outros. Existe ata o coleccionismo de carteis e de envases.

   Toulose lautrec             Ramón Casas

   Exemplos de carteis de Toulouse Lautrec e Ramón Casas.

Os anuncios impresos atoparon na prensa un importante vehículo para a súa difusión. As gacetas do s. XVIII son os predecesores dos xornais. Eran folletos informativos que editaban as Oficinas de Información das cidades, con información relevante para os cidadáns ou visitantes. A publicidade paga unha gran parte dos custos, reducindo o prezo de venda ao público co que aumenta o número de lectores e tamén o de anunciantes. Coa aparición no s. XIX dos novos sistemas de impresión e a gran variedade de produtos e servizos, a prensa informaba sobre os novos inventos: a lavadora, a bicicleta, a cámara de fotos, o fonógrafo, a lámpada… As tendas, viaxes, transportes, espectáculos, etc. tamén recorren á publicidade, e os anuncios son cada vez máis elaborados e rechamantes.

As revistas apareceron como un artigo de luxo no s. XVIII e foron popularizándose ata converterse hoxe en día nun medio moi atractivo para os anunciantes.

 

                                              Principios do século XIX

Principios do Século XIX. MADRID

Revistas na actualidade

Na actualidade.



[1] Proyecto Media. Ministerio de Educación y Ciencia. CNICE. Coordinador: Alfeo Álvarez, J. C.

http://recursos.cnice.mec.es/media/publicidad/extras/docente/index.htm

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última modificación: luns, 21 de decembro de 2015, 8:55 PM