A lectura guiada

vertical_azul.JPG

Afirma Daniel Cassany en Enseñar lengua que o éxito dunha lectura depende en boa medida de todo canto poidamos prever antes de lela; é dicir, da información previa coa que contemos e da que poidamos activar, da motivación que teñamos para levar a cabo esa lectura e tamén das expectativas que alberguemos sobre o texto.

De feito, algúns alumnos escollen non ler determinados tipos de libros que lles resultan difíciles porque non dispoñen das claves para interpretalos. Neste punto, a nosa función como docentes consiste en proporcionarlles os puntais que lles permitan chegar máis lonxe do que poderían ir eles sós. A intención última estriba en que no futuro sexan quen de ler por si mesmos unha obra como a que agora len con axuda.

Cada lectura que levemos a cabo na aula debería estar coidadosamente planificada para poderlle sacar o maior rendemento didáctico posible. Isabel Solé (Estrategias de lectura) establece a seguinte secuenciación:

a) Antes da lectura: É o momento de motivar e animar aos alumnos. Se fomentamos neles a observación, anticipación e predición dun texto, é posible que descubran incentivos para lelo e, daquela, para comprendelo. Françoise Grellet distingue tres aspectos na anticipación:

1.- Predición: É a capacidade de supoñer o que vai acontecer. Estimúlase preguntándolles aos alumnos como pensan que será o texto, como cren que vai continuar ou como vai rematar. As respostas estarán baseadas en pistas gramaticais, lóxicas ou culturais. A cuestión é fomentar unha actitude activa ante a lectura, adiantándose ao que contarán as palabras.

2.- Observación: Refírese á interpretación dos aspectos non verbais do texto; é dicir, o tipo e o tamaño da letra, fotos, debuxos, título… antes de iniciar a lectura.

3.- Anticipación: É a capacidade de anticipar os coñecementos previos que se teñen sobre un tema e poñelos ao servizo da lectura.

Un exemplo de actividade proposta polo propio Cassany para favorecer a anticipación consiste en elaborar unha lista cos nomes ou cos verbos que pensamos que poden aparecer no texto.

b) Durante a lectura: É agora cando os alumnos deben relacionar os coñecementos previos coa información que lles está achegando o texto. Convén verificar as hipóteses formuladas ao comezo e, de ser necesario, reformulalas, aclarar dúbidas, detectar posibles incoherencias e identificar a organización interna do texto. Unha actividade que permite traballar este proceso é a elaboración de Diarios de lectura nos que os rapaces e rapazas escriban periódicamente sobre as reaccións que lles provoca a lectura dunha obra. É unha forma de reflexionar sobre o que len reflectindo as ideas principais e os pensamentos e sensacións que lles suscite. Nos enlaces que figuran ao final deste apartado pódese atopar unha proposta didáctica con algúns exemplos dos resultados desta actividade.

c) Despois da lectura: Chegou o momento de comprobar se se acadaron os obxectivos da lectura. ¿Como? Identificando as ideas principais e o significado global do texto. O xeito de demostralo pode ser diverso: realización de resumos, esquemas, mapas conceptuais...

No seguinte enlace EDU365.CAT figuran numerosas guías de lectura elaboradas por docentes e destinadas a alumnado de ESO e Bacharelato.

Actividade: Diarios de lectura

Documento do docente

Diario 1 - María Lago (1º ESO, CPI Manuel Padín Truiteiro, Soutomaior) VERSIÓN EN PDF

Diario 2 - Carmen García (2º ESO, CPI Manuel Padín Truiteiro, Soutomaior) VERSIÓN EN PDF



EXEMPLO: Lim de Rosa Salgueira sobre Makinaria, de Carlos Negro

Última modificación: luns, 21 de decembro de 2015, 8:56 PM