Nácese ou apréndese?
Somos docentes e estamos a aprender habilidades para introducir a improvisación cantada en verso nas nosas aulas. E unha das grandes perguntas que seguramente te fixeches é se estarás preparada para dinamizar esta aprendizaxe do teu alumnado.
O profesorado que quer aprender a regueifar ao seu alumnado ten que saber regueifar? Debería saber?
Non nos estresemos: o profesorado que traballe coa improvisación oral en verso debe facilitar a aprendizaxe. E por iso, si, tes que marcar como obxectivo aprender a improvisar en verso. E animámoste a que fagas ese camiño, esa aprendizaxe persoal, acompañada polo teu alumnado, acompañando o teu alumnado.
E podemos aprender a improvisar en verso? É posíbel aprender a regueifar? Ou iso só está reservado para unhas poucas persoas, escolleitas polo destino?
Nunha entrevista no programa de radio especializado no repente galego, "A punta da navalla", impulsado pola asociación ORAL, Kike Estévez pregúntalle ao brindeiro Antonio Rio, O Ribeira da Louzarela:
- Cre vostede que esta arte de brindar pódeselle aprender aos nenos ou á xente nova ou pensa vostede que hai que nacer con isto?
E o brindeiro do Courel responde:
- Isto non se aprende. Isto ten que nacer coa persoa.
Máis tarde, durante unha improvisación de mais de dez minutos, o Louzarela canta:
Isto non o fai calquera
isto non é unha broma
nin se escribe nin se aprende
ten que nacer coa persoa
Mais nós non pensamos así, evidentemente. Nós temos a seguridade de que todo o mundo, todo o noso alumnado, pode aprender a improvisar. O mesmo pensa Felip Munar, ao falar sobre a glosa, a improvisación cantada nas Baleares:
“Quem pode ser glosador? Ou, melhor: quem quere ser glosador? Ser glosador é uma vontade, uma decisão, um jeito de entender as persoas que nos rodeam e de comprender-se a um mesmo. Todo o mundo pode chegar a ser glosador: todas e todos podemos ser capazes de improvisar umas glosas circunstanciais, temáticas, comprometidas ou singelamente expositivas. Todo o mundo pode aprender a técnica, o jeito de construír uma glosa. Algumas persoas interiorizarám e faram sua a glosa, e encontrarám umas aptitudes adequadas que lhes resultarám uma porta aberta a um mundo infinito, porque a criação nom tem límites, só aqueles que um mesmo lhe ponha. Outra gente avançará pouco a pouco, às vezes com dificuldades, com altos e baixos que ponherám à proba a vontade expresada e a paciéncia, e a vontade de converter-se em glosador, em glosadora.”
Felip Munar i Munar, Jo vull esser glosador, Edicións Documenta Balear, 2008, Mallorca
(Tradución: Séchu Sende)
Mais, se aínda pensas que aprender a improvisar en verso é difícil, bótalle un ollo a este vídeo -que abre en xanela emerxente- onde dúas meniñas de 3 e 5 anos xogan a regueifar co seu pai
Como podes imaxinar, o ser humano é un animal preparado para improvisar en verso. Esa habilidade, común hai moitos anos na nosa sociedade, é hoxe en día excepcional. E na Galiza temos a sorte de ser un dos pobos que conseguimos traer a improvisación oral en verso ao século XXI.
Hoxe en día, por poñer un exemplo, mais de dez crianzas entre 4 e 8 anos saben improvisar en verso en Compostela. E todas teñen algo en común: aprenderon xogando coas súas nais e pais.
Na pasta que está xusto a continuación podes botarlle un ollo a este Curso de Regueifas para mamás, papás e crianças elaborada pola Escola Semente.