1. Estilo libre ou freestyle na Galiza

.

“Com a chegada da nova língua franca do ghetto, o hip-hop, Ordes renovou o seu antagonismo social e de passo –mais lá da piscadela primeira de Os Resentidos- inventou o rap em galego. Cousas estranhas numha vila onde os semáforos conviviam com o gado: muros que berravam, com um novo cuidado estético (5), cousas como “Fraga, vai trabalhar a Canárias!”, muito antes de que o graffiti se tornasse umha arte legítima em vías de museificaçom; intercámbios de revistas de arte urbana nos tempos pré-internautas; e um grupo de rapazes que vinham às passantias de Ana com cassettes gravados com algo nunca ouvido, que recordava vagamente às regueifas dos velhos e que depois reelaboravam com sotaque galego num cortelho de Penelas.”

Carlos Calvo Varela.

.

O estilo libre ou freestyle é o canto improvisado da cultura RAP.

Na Galiza, o freestyle desenvólvese maioritariamente en español. Unha navegación no Youtube lévanos de cidade en cidade, de vila en vila, e na nosa procura non aparece ningunha improvisación en galego... salvando as excepcións.

.

O activista Aldán Santamarina coordenou unha Rapgueifa no IES de Chapela en 2012. O vídeo está en youtube: Manuel, André, Buyo, Luís Caruncho e Pinto de Herbón rapean un estilo libre con bases do DJ Pol e zanfona de Caruncho. Debes ollar este vídeo,

.

.

No documentario Da regueifa ao rap, de 2008, de Pilar Faxil e Helena Villares,

o regueifeiro Pinto de Herbón xa comentaba que a regueifa naceu na Galiza das clases máis desfavorecidas e analfabetas, que fixeran da oratoria unha arma para arremeter contra o sistema, os curas e os políticos."Igualinho que o rap, que saiu do Bronx máis pobre". O documentario está protagonizado por Pinto, Luís o Caruncho e por Garcia MC, rapeiro de Dios ke te Crew, a quen acompaña Sokram, outro dos grandes do noso rap.

.

Sokram tamén aparece noutro documentario, Botando por fora (Regueifas versus rap), dirixido por Carmen Calvo, producido por Mr Misto Films, tamén en 2008. E a relación entre os dous xéneros tratouna tamén o programa da TVG Ben falado em 2011.

.

A principios de século unha rapeira entrou con forza nos escenarios: Marisol Manfurada. Os seus espectáculos eran performáticos e a ritmo de RAP. E mais tarde, mesturando a regueifa co RAP, apareceran, improvisadoras, as Garotas da Ribeira: Sofia Tarela e Paola Beiro.

.

Mais se procuramos xente que improvisa actualmente en galego, que nomes aparecen no camiño?

.

Un dos grandes é Hevi, a voz de Fluzo e Malandrómeda. Hevi é lenda. Hevi participou con Malandrómeda en 2016 no Festival da Lingua de Vila de Cruces e organizou unhas bases eletrónicas para que o alunado regueifeiro regueifase con ritmos de rap. Ademais as regueifeiras Nuria das Cruzes e Noa de Capón tiraranlle unha luva e retaran a Hevi a un desafío en verso. E Hevi, Nuria e Noa improvisaran un pique a tres bandas antolóxico. Este vídeo podes ollalo

.

Ria, do grupo Alto asalto, é un craque do repentismo. Outro grupo de rap con xente que improvisa é Rebeliom do inframundo. E outro:  Boyanka Kostova, o primeiro grupo galego de TRAP, composto por Saibran GG e O Chicho do Funk.

.

Actualmente, en moitas cidades e vilas da Galiza hai grupos informais de rapeiros (homes na inmensa maioría) que se reunen para improvisar. En Compostela, na Alameda, na Póboa do Caramiñal, beira do mar. En Vigo, na Coruña... 

.

Continúa na seguinte páxina...