2.1. Procura e selección de contidos dixitais

Avaliar Recursos Educativos

A Web é un auténtico almacén de contidos dixitais e aínda que calquera material é susceptible de ser utilizado como recurso nun proceso de ensino e aprendizaxe, non todos os materiais que se utilizan en educación xorden cunha intencionalidade didáctica. Por iso é moi importante contar con criterios para poder identificar entre todos os contidos dixitais dispoñibles aqueles que poden ser bos recursos educativos dixitais.

Co obxecto de establecer uns criterios a nivel nacional, no que se refire á calidade dos recursos educativos dixitais, a Asociación Española de Normalización publica a Norma 71362 de “Calidade dos materiais educativos dixitais”.

Segundo esta norma, un recurso educativo dixital é de calidade se é eficaz didáctica e tecnoloxicamente, e é accesible.

  • É eficaz didacticamente se contribúe a mellorar o ensino e a aprendizaxe e, por tanto, o seu uso mellora os resultados académicos.
  • É eficaz tecnoloxicamente se como produto tecnolóxico é robusto, interoperable, usable e escalable.
  • É accesible se serve para os destinatarios previstos, con independencia das súas diferentes capacidades.

Estas tres condicións desenvólvense mediante quince criterios, cada un dos cales contén diferentes indicadores de calidade que especifican as características que debe reunir un recurso para ser considerado un bo recurso educativo.

A norma proporciona unha ferramenta con forma de rúbrica para puntuar cada un dos criterios. A suma das puntuacións obtidas en todos eles lanza unha cualificación total do recurso educativo dixital. Desta maneira, os docentes temos unha información precisa acerca da calidade dun recurso educativo de interese. Aquí podes atopar o ANEXO F da norma UNE 71362:2017 que corresponde á adaptación da mesma ao perfil do alumno e do profesor.

Equipo de creación deste curso sobre Norma UNE 71362 Criterios de calidade para a valoración de Recursos Educativos Dixitais. CC BY-SA