Área 2. Libro de contidos
2.3. Protección, xestión e compartición de contidos dixitais
Procura e selección de contidos dixitais
Creación e modificación de contidos dixitais
Protección, xestión e compartición de contidos dixitais
Última estación... Protección, xestión e compartición de contidos dixitais! Como vimos facendo en cada punto, cómpre clarexar primeiro que supón esta competencia no noso labor docente para que poidamos artellar as ferramentas e estratexias que precisamos para desenvolvela.
A adquisición desta competencia supón catalogar os contidos educativos dixitais e poñelos ao dispor da comunidade educativa e do colectivo profesional utilizando contornas seguras. Protexer eficazmente os contidos dixitais, así como, respectar e aplicar correctamente a normativa sobre propiedade intelectual e dereitos de autor na xestión e compartillamento de contidos dixitais.
Que imos traballar no Nivel B1 da CDD?
Esta competencia refírese á protección da propiedade intelectual e dos dereitos de autor e á aplicación dos distintos sistemas de licenzas existentes no momento no que se publican e comparten contidos dixitais en plataformas orientadas a estes fins, tanto co alumnado, como coas familias ou outros docentes. Ademais, require o uso de distintos sistemas de clasificación, tanto de catalogación normalizada como de etiquetaxe libre, e das tecnoloxías dixitais para a protección e compartillamento de contidos de forma segura (BB. DD., repositorios de contidos, CMS, CLMS).
O exercicio desta competencia está intrinsecamente vinculado coas outras competencias desta área, xa que require unha procura e selección previas para o compartillamento de contidos xa publicados ou a edición destes contidos para a creación doutros derivados ou completamente novos.
O coñecemento e respecto dos dereitos de propiedade intelectual e a súa aplicación para a ilustración con fins educativos ou de investigación científica, así como o uso das diferentes licenzas, do mesmo xeito que a adopción das medidas de protección de datos, privacidade e seguridade desenvolvidas na competencia 1.5., son prescritivos desde o primeiro nivel de desenvolvemento desta competencia.
Por exemplo, sabías que...?
Traballas esta competencia cando compartes, en contornas educativas seguras como Agueiro, contidos dixitais xestionando a adecuada asignación de permisos para a súa visualización ou descarga por parte do teu alumnado, ou cando aplicas os criterios establecidos no plan dixital de centro para publicar ou compartir cada contido na contorna e a localización que lle corresponde (blog de aula, cartafoles dos espazos colaborativos...).
Que contidos integran esta competencia?
- Utilización de diversos sistemas de catalogación de contidos educativos dixitais para compartilos e aproveitar as posibilidades técnicas das plataformas para recoller este tipo de metadatos.
- Tipos de licenzas e o seu uso ético á hora de publicar, transmitir, reproducir, citar, difundir, intercambiar ou compartir contidos dixitais propios tanto obras derivadas, obras orixinais como de terceiros.
- Publicación de contidos dixitais e uso axeitado dos repositorios de intercambio de contidos e plataformas de colaboración, especialmente nos aspectos relacionados coa súa seguridade, accesibilidade e posibilidade de compartir (interoperabilidade e estándares).