2.2. Creación e modificación de contidos dixitais

Procura e selección de contidos dixitais

Creación e modificación de contidos dixitais

Protección, xestión e compartición de contidos dixitais

1.3
1.4
6.1
1.3
3.1
1.3

Continuamos o noso percorrido abordando a Creación e modificación de contidos dixitais. E coma sempre, antes de nada, cómpre clarexar que supón esta competencia no noso labor docente para que poidamos artellar as ferramentas e estratexias que precisamos para desenvolvela.

Laura

A adquisición desta competencia supón modificar e adaptar os contidos educativos dixitais respectando as condicións de uso (obras derivadas e limitacións recollidas nos dereitos de propiedade intelectual) establecidas por cada licenza. Crear novos contidos educativos dixitais de forma individual ou en colaboración con outros profesionais dentro de contornas seguras. Considerar, de modo específico, o obxectivo de aprendizaxe, o contexto, o enfoque pedagóxico e os destinatarios ao deseñar e crear ou modificar os contidos dixitais. Seleccionar as ferramentas dixitais de autor, para a creación e modificación de contidos, identificando as características técnicas e de accesibilidade e os termos de uso e a política de privacidade.

Que imos traballar no Nivel B1 da CDD?
Recorda, Visiteur anonyme, que estamos a acreditar o nivel de progresión B1 da competencia dixital docente que nesta competencia 2.2 se concreta na adopción dos criterios didácticos, disciplinares e técnicos para a modificación de elementos integrados en contidos educativos dixitais estruturados xa existentes con obxecto de adecualos a unha situación de aprendizaxe e alumnado concretos.
Relación con outras áreas e competencias
Esta competencia está estreitamente relacionada coas competencias 1.3 Práctica reflexiva e 3.1 Ensino. Optouse por contemplar todo o relativo á integración dos contidos educativos dixitais nas programacións didácticas, así como o seu uso no proceso de ensino e aprendizaxe ou a avaliación do seu uso nos resultados de aprendizaxe, na competencia 3.1 para centrármonos na competencia 2.2. unicamente no proceso de deseño, modificación e creación.

Esta competencia demóstrase á hora de deseñar, crear e modificar contidos dixitais para adecualos ás características e necesidades de todo o alumnado e aos obxectivos de aprendizaxe. Os contidos dixitais de uso educativo deberán responder a criterios de calidade didáctica, disciplinar e técnica, sendo fundamental ter en conta as opcións de accesibilidade e usabilidade. Para a edición e creación de novos contidos deberase ser capaz de empregar ferramentas de autor que xeren contidos accesibles e compatibles con distintos estándares e formatos.

Pódese partir da procura e selección de contidos reutilizables (competencia 2.1), para modificalos, crear novos contidos orixinais ou emprender un proceso que integre ambos os tipos de fontes nunha mesma estrutura didáctica.

A creación ou edición de contidos deberá respectar en todo momento a propiedade intelectual e os dereitos de autor relacionados de forma específica co recoñecemento e/ou a creación de obras derivadas.

Dani

Por exemplo, sabías que...?
Traballas esta competencia cando modificas un contido educativo dixital aberto substituíndo algúns elementos e engadindo outros (gráfico, presentación, mapa conceptual etc.) para adaptalos ao teu contexto de aula, ou cando engades a licenza en todas as túas obras derivadas respectando a propiedade intelectual e os dereitos de autor.

Que contidos integran esta competencia?
  • Utilización das ferramentas de autor para modificar ou crear os contidos educativos dixitais e introducir os metadatos para a súa catalogación. 
  • Coñecemento e aplicación de criterios de calidade técnicos, didácticos, disciplinares e relativos ao desenvolvemento de competencias á hora de modificar ou crear os contidos educativos dixitais.
  • Coñecemento dos tipos de licenzas e uso ético das mesmas no desenvolvemento de obras derivadas. Aplicación de sistemas normalizados de citas e referencias.