5. O PROGRAMA DA VISITA

Unha vez que sabemos o lugar, a data e o horario da nosa viaxe podemos establecer o programa. ¿Que imos facer e cando? ¿Que actividades? ¿Canto tempo libre? ¿Onde imos comer? Quizais queirades organizar algún xogo para os momentos de lecer.

Para decidir as actividades podedes facer participar a todos os compañeiros e compañeiras a través do foro, poñendo a pregunta e dando un prazo para responder.

Así que tedes que facer unha lista con todas as actividades e despois un horario.

Tede en conta que este horario vai depender do transporte e tamén da dispoñibilidade dos labregos e labregas coas que vos ides xuntar. O mesmo acontece se ides visitar algún museo ou mostra, ou precisades unha guía para algunha actividade.

Tedes que entrar en contacto coas persoas implicadas, consultar a súa dispoñibilidade e decidir os horarios e a duración das actividades.

O grupo que faga o programa tamén ten que encargarse dos materiais necesarios para as actividades.

Ó final deste proceso teredes unha boa programación. Durante a visita cada membro do grupo pode responsabilizarse dunha actividade, para que se cumpra o horario e, en caso de ser necesario, se preparen os materiais e se recollan ó rematar.