ORGANIZANDO UNHA VIAXE
Neste caderno atoparás os pasos a seguir para organizar unha viaxe moi especial.
1. INTRODUCIÓN
A sociedade moderna occidental ten moi pouco contacto coa agricultura.
Gran parte da poboación vive en cidades e a produción de alimentos está en poucas mans. Cada vez hai menos produtores locais, as empresas multinacionais da alimentación están ocupando o seu lugar.
A pesares disto en moitos lugares de Galiza a poboación está en contacto co medio rural.
Moi preto dos centros urbanos podemos atopar leiras e hortas e non é pouco frecuente que haxa familias que, sen adicarse profesionalmente á agricultura, teñan un espazo a producir os seu propios vexetais. A xeografía da nosa terra e a histórica tendencia a organizar o territorio en minifundios favorece esta situación.
Moitos de nós sabemos a diferencia entre comer vexetais producidos no noso entorno con medios tradicionais e comer vexetais producidos para as multinacionais da alimentación. Seguro que isto anima á xente a manter as súas propias hortas familiares.
Ademais hai que ter en conta o gran desfrute que produce cultivar, coidar e ver crecer as plantas da túa horta.
Hai un proverbio chinés que di:
Se queres ser feliz un día, enamórate.
Se queres ser feliz dez anos, cásate.
Se queres ser feliz toda a vida, fai un xardín.
E unha horta é coma un xardín de plantas comestibles e saborosas!
Así que a nosa próxima actividade é coñecer persoas que se adican a agricultura e visitar as súas hortas.
Imos facer dúas viaxes:
- na primeira imos visitar unha aldea galega onde se conserven as formas agrícolas tradicionais.
- na segunda imos visitar unha produción agrícola ecolóxica.
En ambos lugares imos xuntarnos con labregos e labregas para coñecer a súa relación coa terra e a súa forma de vida.