Un modelo: I Encontro de Mulleres Repentistas
Na materia de "Regueifa e improvisación oral" un grupo de 17 alumnos e alumnas, coa coordenación do profesor, impulsaron a organización dun evento de repentismo, co obxectivo de visibilizar a nova xeración de mulleres regueifeiras da Galiza e sentirse parte do movemento sociocultural do repente galego. Así, desde fins de setembro de 2016 até o 28 de xaneiro de 2017 activouse o proceso de organización. E na semana seguinte fíxose avaliación da experiencia.
Aqui podes ollar algúns materiais do proceso de autoxestión desta actividade para teres en conta para a elaboración do teu Proxecto Final desde curso.
9. Conclusións da Asemblea de Mulleres Improvisadoras
Conclusións da Asemblea do "I Encontro de Mulheres Repentistas da Galiza."
Na I Asemblea de Mulleres Repentistas da Gz decidimos que, por unha banda, cómpre asumir o poder da autoxestión e da aprendizaxe colectiva, ademais de fuxir dos tópicos e do humor básico baseado no insulto e o chiste sexual.
Ademais é preciso reformular os temas e as formas e buscar novos modelos dentro da nosa propia tradición, como por exemplo o brindo, máis poéticos e acordes coa nova ideoloxía que queremos transmitir nas nosas coplas.
Ademais hai que ponher en valor os coidados, a idea de coidar as companheiras e tamén deixarse coidar por elas, de xeito que reunirse sexa un pracer e unha ledicia para todas.
Respostar, respostar e respostar, como norma e educar e re-educar na igualdade e nos valores do feminismo.
Ademais cómpre racharmos coa tradición en todas as súas dimensións discriminatorias e ferintes.
Finalmente, asumir que todas somos regueifeiras, porque todas regueifamos, sexa cinco minutos ou tres horas, e ninguén pode negar a nosa condición de mulleres que usan a improvisación oral como un campo máis das súa reivindicación e posta en valor: somos regueifeiras porque queremos selo.
As Cruces. 28 de Xaneiro de 2017
Sara Marchena, Esther Porrit, Alba María, Nuria Penas, Noa Guzmán, Lorena Medela, Lara do Ar, Silvinha, Branca Trigo, Yolanda das Cereixas, Beatriz Fernández.