Organización dun evento de improvisación oral en verso
Regueifa 2.0: Proxecto Final
Organización dun evento de improvisación oral en verso
O Proxecto Final deste curso consistirá na creación dun “evento imaxinario” de difusión e visibilización da Regueifa e a improvisación oral en verso, adaptándovos á idiosincrasia dun Centro e dunha Comunidade Educativa.
O obxectivo principal deste proxecto de planificación e organización é que o alumnado coñeza mellor o sistema da improvisación galega e organice un evento nun proceso -coordenado por ti- de forma autoxestionada.
Esta actividade está encamiñada a ser unha práctica de participación na acción sociocultural. E pon en relación o esforzo persoal co traballo colectivo.
Este proxecto final elaborarase ao longo de todo o curso pois as actividades e, sobre todo as tarefas, oriéntanse cara a este proxecto final.
O proxecto final e os seus contidos deberán respectar os dereitos de autor, empregando unicamente recursos alleos compatibles coa licenza con que se publique o curso e facendo sempre a atribución dos recursos empregados.
Respectará tamén as pautas de accesibilidade web que posibilitan tanto eXeLearning como Moodle.
O “peso” do proxecto final na cualificación deste curso é do 21 %.
A entrega do mesmo deberá ser unha “Páxina” ou ficheiro “PDF”
Especificacións do proxecto final
Con este proxecto pretendemos desenvolver os valores de traballo cooperativo, moi vinculados a un dos nosos obxectivos xerais que quere visualizar que a nosa intervención na realidade pode transformala. Aínda que agora che pedimos unha tarefa ficticia, que en principio non vas realizar na vida real, si que che pedimos que penses e planifiques esta actividade como unha acción que poderias realizar nunha situación real.
Por iso che pedimos que elabores un texto explicando que actividade de organización dun evento que facilitarías como docente dun grupo de rapazas e rapaces. Por suposto, tes toda a liberdade para inventar o teu propio grupo de alumnado e o teu contorno e circunstancias de intervención.
TAREFA:
Escribe un texto explicando que evento dinamizarías co teu alumnado dun grupo de RIOV ou do Equipo de Normalización ou de Biblioteca, etc.
Este texto debe conter:
- Descrición do grupo de alumnado que se vai dinamizar, así como o seu contexto. E -se o consideras oportuno, a posibilidade de participación de unha/un ou máis regueifeir@s profesionais do movemento do repente galego.
- Breve descrición e redacción dos obxectivos principais do proxecto.
- Algúns contidos dos cinco bloques traballados no curso Regueifa 2.0:
- Comunicación musical.
- Historia e actualidade da improvisación oral en verso.
- Comunicación lingüística, poética e retórica.
- Comunicación non verbal e perfomática.
- Creatividade e xestión cultural.
- Un guión do espectáculo.
- Métodos de avaliación.
- Redacción dunha breve nota de prensa para os medios o dia despois do evento.
- Orzamento e autoxestión económica.
- Opinión persoal sobre o traballo con proxectos reais de organización de acción socioculturais, partindo da tua análise sobre o impacto que pode ter este tipo de intervencións no teu alumnado e na realidade social?
Algunhas ideas que traballamos no Proxecto Regueifesta:
- I Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza.
- “24 horas regueifando”: organización dun evento para improvisar en grupo no instituto durante un día e unha noite, sen parar.
- “Festa de Repente”: organización dunha festa arredor do improviso nun espazo da propia localidade.
Neste sentido o proceso resúmese nestes puntos:
A. Preprodución:
- Toma de decisión asemblearia sobre o tema do evento e os seus obxectivos e características.
- Establecemento das funcións do alumnado.
Coordenación xeral, redes sociais, deseño gráfico, finanzas, prensa, publicidade, marketing, vídeo, son, guión e presentación do evento...
- Explicación das ferramentas de comunicación e organización: rede social (galegram), reunións, asembleas...
- Reflexión sobre o movemento social e os axentes protagonistas do evento: alumnado, profesorado, famílias, activistas, artistas, asociacionismo, etc.
- Configuración dos prazos.
- Explicación do proceso de avaliación da actividade.
B. Produción:
- Organización do traballo individual e de pequenos grupos.
- Seguimento do proceso: elaboración de deseño gráfico, redacción de obxectivos, nota de prensa, toma de contacto coas persoas participantes, local, medios técnicos...
- Realización do evento.
C.Avaliación:
1. En grupo.
2. Individualizada.