A máquina de crachás
No Proxecto Regueifesta, a máquina de facer crachas é unha das nosas grandes aliadas. É unha ferramenta que facilita que o noso alumnado experimente un pequeno proceso de autoxestión, a nivel individual e como experiencia colectiva.
A inversión inicial para adquirir unha máquina de crachás axiña ha recuperarse, se conseguirmos crear unha dinámica de aproveitamento regular. Cada centro de ensino debería ter unha máquina de crachás á disposición da comunidade educativa.
A máquina de crachás pode axudarnos a financiar os nosos proxectos. Pagar un autobús, organizar unha festa, pagar unha regueifeira que veña ao noso centro son actividades que teñen un custo. E é educativo que o alumnado coñeza, aprenda e desenvolva esta dimensión de planificación e organización de accións autoxeridas. É fundamental que o alumnado sexa protagonista activo do seu propio proceso de formación, e adquirir consciencia -máis ou menos profunda- do funcionamento económico do noso sistema vai desenvolver neles un maior coñecemento das oportunidades, dificultades e retos de seren alumnado activo, crítico e transformador.
Máis alá de sabermos que temos dereito a acceder a axudas e subvencións de organismos públicos, de coñecermos as oportunidades e precariedades do actual sistema escolar, ou de adquirir consciencia crítica para reclamar e exixir direitos, consideramos que o alumnado debe protagonizar experiencias de autoxestión económica.
Un dos obxectivos da autoxestión é sermos independentes, poder desenvolver un proxecto autonomamente. E saber que non debemos ser dependentes nin condicionar o noso proxecto a decisións -técnicas, políticas, etc- que non dependen das nosas decisións. Debemos ter a seguridade de que para que o noso proxecto funcione debemos funcionar nós, e que nós temos a responsabilidade principal para transformar unha idea inicial nunha realidade.
A máquina de facer crachás ten varias ventaxas. É facil de utilizar, manexável, e consegue uns resultados moi atractivos. Arredor dela pode construírse todo un proceso de planificación, produción, distribución, etc, que implica o alumnado para marcar obxectivos, deseñar, fabricar, distribuír, facer contas, avaliar... E, sobre todo, pasámolo ben traballando en grupo. E é un proceso creativo e divertido.
Tarefa:
- Busca unha máquina de crachás por internet. Consulta prezos. O habitual é comprar unha boa máquina, de calidade, un cortador de papel, e accesórios para elaborar 500 crachás, de entrada.
Podes consultar aquí.
- Despois realiza un estudo de viabilidade para amortizar o investimento inicial (cantas crachás teñen que vender, a que prezo, a quen, con que logotipos…)
- Por último, redixe un texto coa túa opinión sobre os procesos de autoxestión económica para apoiar o desenvolvemento de proxectos educativos transformadores. Debemos depender exclusivamente das axudas e subvencións oficiais? Ou podemos crear as nosas dinámicas independentes e autónomas?
Elabora un documento explicativo e envíao como arquivo adxunto.