Para que serve a copia de seguranza, restaurar e importar

EDIXGAL

Para que serve a copia de seguranza

Coa ferramenta de copia de seguranza, o EVA permite gardar os recursos e contidos introducidos polo profesor e a configuración da materia nun único ficheiro comprimido con formato ".mbz".  

Realizar copias de seguranza das nosas materias sempre é unha boa práctica antes de que finalice o curso, sobre todo se o/a profesor/a aportou á materia materiais propios (contidos, recursos, actividades, ...) que non están nos repositorios oficiais.

Nestas copias de seguranza non se inclúen os temas (libros dixitais) orixinais das distintas editoriais, xa que cada novo curso académico están dispoñibles as novas versións destes recursos editoriais.

 

Copia de seguranza

  

Para que serve a opción restaurar

Coa opción Restaurar, todo ou parte do contido desta copia de seguranza pode recuperarse sobre a mesma materia ou sobre outras materias nas que o usuario teña permisos de profesor.

É dicir, con esta opción poderemos restaurar comodamente sobre as novas materias de cada curso académico os materiais de elaboración propia (ou calquera outro material) do que previamente fixeramos copia de seguranza.

Cando iniciamos unha restauración preséntasenos unha pantalla onde podemos ver un listado con todos os contidos que contén esa copia de seguranza, de maneira que podemos decidir se restauramos todo ou parte dos materiais que contén esa copia.

 

Restaurar

Para que serve a opción importar

O EVA tamén conta coa opción Importar que facilita o traslado de Recursos e Actividades desde unha materia a outra dentro da mesma plataforma EVA.

A opción importar permítenos copiar rapidamente determinados contidos desde unha materia a outra, sempre que sexamos profesores/as tanto na materia de orixe como na materia de destino.

A importación non nos permite exportar/importar contidos fóra da plataforma EVA (a diferencia da copia de seguranza, que si o permite) e polo tanto a materia de orixe e a materia de destino deben ser materias existentes no EVA actualmente, nas que ademais debemos figurar como profesores.

   

Importar

 



EDIXGAL
Última modificación: xoves, 19 de xaneiro de 2023, 10:25 AM