2009/2010

A importancia das bibliotecas de centro no éxito escolar

 

 

Recentemente coñeceuse o resultado a nivel estatal da avaliación diagnóstica dos nenos e nenas de 4º de primaria. En relación á competencia lingüística constatábase a influencia dalgunhas variables nos bos resultados neste ámbito: a presenza de libros na casa, por exemplo. Así na páxina 125 do estudo pódese ler: "La puntuación media obtenida por los alumnos en las cuatro competencias correlaciona intensamente con la variable "número de libros en casa". Cuanto mayor es el número de libros que el alumnado tiene en su casa, más alta es la puntuación media que obtiene". Un IES da provincia de Ourense, nun interesante estudo sobre a situación da lectura na súa comunidade educativa constata a escasa presenza de libros nas casas do alumnado. Tamén resulta inquietante o gráfico referido ao hábito de lectura nas familias. Á vez, vese a importancia da biblioteca escolar como instrumento de acceso á cultura e factor de compensación social: mentres só un 4% do alumnado asegura acudir á biblioteca municipal, un 52% do mesmo acude á biblioteca do seu centro. 

Biblioteca escolar, centro de recursos de aprendizaxe.

Rematado o curso 2009/2010, chega o tempo de racapitular e recoller na memoria final do curso a realidade da biblioteca escolar e as súas achegas á innovación e á mellora da calidade do ensino. Entresacamos da memoria dun IES de Pontevedra, integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares, a seguinte valoración ao avaliar a consecución de obxectivos para este curso recen acabado:

"Obxectivo: facilitar o traballo interdisciplinar: Tamén neste aspecto nos sentimos satisfeitos non só pola acollida das nosas propostas neste sentido -Viaxamos, Xeografía do Courel, Repintamos a Seoane, Ilustramos...--, senón tamén porque moitos compañeir@s romperon o esquema de materia pechada e presenza absolutista do profesor ou profesora ao entender que os rapaces e rapazas aproveitan moito máis e desenvolven a súa capacidade de relación cando se rompe o illamento e a unidireccionalidade. Moitos departamentos colaboraron e traballaron conxuntamente para sacar adiante algunhas das actividades programadas, suxeriron ideas, facilitaron materiais, e un longo etc. (...) houbo moito traballo colaborarivo."

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2009/2010

 

Todos os materiais dos diferentes relatorios dos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 09/10, están dispoñibles (previa autorización dos seus autores) na plataforma virtual da Asesoría de bibliotecas escolares, redeBE. Para acceder, entrar no "curso correspondente" en calidade de invitado. Aquí o enlace directo.

Proximamente estarán tamén dispoñibles as diferentes intervencións.

Encontros PLAMBE 2009/2010

Os días 15 e 16 de abril celebraranse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2009/2010. Están convocadas as persoas responsables das 299 bibliotecas escolares incluídas no presente curso neste programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os encontros teñen como finalidade avanzar na formación específica deste colectivo nos aspectos máis variados da biblioteca escolar: o papel que xogan hoxe en día estas bibliotecas nos centros educativos e as posibilidades que ofrecer para educar a un alumnado que medra na sociedade da información. Son espazo de reflexión e de intercambio de experiencias; unha oportunidade para a creación de vínculos profesionais que posibilite traballos colaborativos entre as distintas bibliotecas, nunha dinámica xa creada e que está a demostrar a súa efectividade.

A lectura para a aprendizaxe, a educación de competencias básicas como o "tratamento da información e competencia dixital", a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, serán algúns dos contidos a tratar en maior profundidade.

Xustificación de gastos Plan de mellora 2009/2010

A xustificación de gasto non hai que facela ata o 10 de xuño de 2010. Pero, ao recibirse en 2009, no caso de non telo gastado todo, cómpre facer a incorporación no orzamento do centro para o ano 2010. Velaquí os dous documentos precisos (pódense remitir xuntos á hora de enviar memoria e xustificación de gastos)

 

Resolución da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2009-2010

No DOG od 7 de outubro de 2009 aparece publicada a orde pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010. Logo das baixas habidas e a incorporación de 80 novos, o total de centros integrados no programa de bibliotecas desta comunidade autónoma é de 299.

Son 299, e aínda máis, as razóns para seguir traballando pola eficacia, a eficiencia e a visibilidade das bibliotecas escolares galegas. Poñer en valor a biblioteca escolar do centro, procurando que sexa indispensable para os compañeiros e compañeiras que a usan no seu traballo de todos os días, é unha das tácticas para acadar a estabilidade deste recurso educativo. Pero a estratexia definitiva é traballar para que as bibliotecas escolares sexan indicadores de calidade da ensinanza que se ofrece, tal e como o están a demostrar as bibliotecas do Plan de mellora, e moitas máis, por toda a xeografía galega.

Centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010. Resolución provisional

Xa foi publicada no Portal Educativo a resolución provisional da quinta convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2009/2010. Ata agora coñécese a relación inicial de centros que se incorporan a este programa. A resolución definitiva, que será publicada no DOG, incluirá todos os centros integrados no programa para o vindeiro curso, unha vez coñecidas as baixas e as incorporacións definitivas.

Acceso á resolución provisional.

Nova convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010

 No DOG do 8 de abril aparece publicada a  convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010. Poderán participar centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.A convocatoria inclúe a participación de centros de nova incorporación e tamén dos centros que xa están integrados neste programa, que deberán confirmar a súa vontade de continuar, así como presentar a documentación requerida e a descrición das liñas de actuación prioritarias para o curso 2009/2010. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de maio de 2009.  TEXTO DA CONVOCATORIA

ANEXOS  (pódense cubrir directamente e imprimir para enviar)