Proxecto Lector

Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa. 

Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo". 

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura. 

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

Proxecto Lector de Centro- Reivisións

Coa publicación dos currículos para Primaria e Secundaria en 2015, logo da renovación da norma educativa común (LOE-LOMCE), cómpre abordar a revisión dos Proxectos Lectores de Centro, vixentes e obrigatorios na nosa Comunidade Autónoma desde 2007.

Co fin de orientar a renovación destes Proxectos Lectores, achégase este documento con propostas de revisión e mellora.

Informe Proxecto Kamishibai (2012-2014)


Neste vídeo podemos ver a nenas e nenos de 1º B do CEIP Frián-Teis, de Vigo, empregando o kamishibai para a presentación dun dos seus traballos de investigación, neste caso sobre a historia do Rainbow Warrior, a compañeiros seus do cuarto curso de primaria, un bo exemplo das posibilidades deste teatriño xaponés.

Trala recollida de valoracións dos 15 centros que participaron  no Proxecto Kamishibai no periodo 2012-2014, presentamos un breve infome sobre as posibilidades do kamishibai nas bibliotecas escolares e nas aulas. 

Entre as conclusións que se extraen das valoracións do profesorado destacamos: "O kamishibai é valorado claramente como un recurso moi útil para as actividades de expresión oral, narracións e recitais dentro da biblioteca escolar. Da mesa forma, considérase un recurso útil para a realización de actividades de expresión plástica e artística. Favorece o traballo e os intercambios colaborativos". Un 80% dos equipos de biblioteca consultados (usuarios do kamishibai), valoran positivamente o kamishibai como recurso para a adquisición de competencias básicas. 

  • "Aprenderon a sintetizar o texto nun só debuxo con trazos moi sinxelos"
  • "É un bo recurso para a atención á diversidade"
  • "Permite traballar distintas competencias de forma diferente"
  •  "Permite mellorar a competencia en comunicación lingüística desde a creación dos propios textos ata a posta en escea traballando a lectura expresiva".

ACCESO AO INFOME COMPLETO

Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade

Segundo se achega a data do 17 de maio vanse multiplicando as actividades nos centros educativos, a maioría das veces froito da colaboración entre os equipos de Biblioteca, Normalización Lingüística e TIC, un bo exemplo de que a integración dos distintos programas existentes no centro é o camiño a seguir.

Boa mostra disto son os materiais que recolle a Secretaría Xeral de Política Lingüística no repositorio de actividades sobre a figura de VALENTÍN PAZ ANDRADE co gallo da celebración do Día das Letras 2012, e que a meirande parte corresponde a actividades xurdidas de programacións conxuntas en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (CEIP ADR Castelao (Rianxo, A Coruña), CEIP A Ponte (Lugo), CEIP dos Dices (Rois, A Coruña), CPI José García García (Ourense), CEIP Nosa Sra. de Xuvencos (Boborás, Ourense), CEIP de Rebordáns (Tui, Pontevedra), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense). Deste último centro é o libro interactivo sobre Valentín Paz Andrade da imaxe.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

A poesía é unha fogueira,

queimémonos nela.

Celso Emilio Ferreiro.

"Nun mundo que está en plena mutación, sacudido por unha vertixe de cambios e transformacións sociais, os poetas acompañan os movementos cívicos e atinan tanto a sacudir as conciencias polas inxustizas do mundo como a conmovelas pola súa beleza. Nós vemos tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as breves mensaxes que circulan polas redes sociais para conferir un novo alento á poesía e favorecer a creación e o intercambio de poemas ou versos capaces de dilatar a nosa relación co mundo."

Da mensaxe de Irina Bukova, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía, 2012.

As bibliotecas escolares galegas comezan a facernos chegar as crónicas das súas actividades para celebrar o Día da Poesía.

RECURSOS:

  1. LEER.ES
  2. Literalia.Tv
  3. REDE LECTURA: POESÍA  POESÍA INFANTIL  POESÍA XUVENIL

¡A poesía é o gran milagre do mundo!

Luís Pimentel

Formulario 2010 para analizar a biblioteca escolar e a súa integración no centro

Cuestionario actualizado para a análise da situación da biblioteca escolar do centro. É unha ferramenta útil para descubrir o papel que a bibliote está a xogar na dinámica pedágoxica e cultural da vida do centro.

CUESTIONARIO

Proxecto Lector de centro

   

Información básica sobre o Proxecto Lector de centro, unha nova achega dos currículos de ensino primario e secundario da Comunidade Autónoma de Galicia. O Proxecto Lector pode ser unha oportunidade para repensar as prácticas docentes relacionadas coa lectura e a escritura e educación en información, a prol da mellora da calidade do ensino e da construción dunha sociedade lectora.

Documentos de referencia: