Biblioteca Creativa 2020/2021

CREAcción Día do Libro 2021

 

 

 

 

Este curso as Xeografías Lectoras marcan o rumbo das nosas bibliotecas. As actividades e recursos que se promoven van trazando camiños que percorremos construíndo o noso espazo lector.

Nesta viaxe que nos convida a ler o mundo, chegamos ao mes de abril, un mes cheo de vida nas bibliotecas escolares.

A Asesoría promove unha acción creativa relacionada co lema deste curso, a construción da persoa lectora. Esta acción pode desenvolverse cos múltiples recursos (plásticos, audiovisuais, sonoros...) que promoven a creatividade nas nosas bibliotecas.

 

As intervencións poden enviarse ao longo deste mes, visibilizándose nesta entrada. Ao rematar abril, seleccionaranse 20 que recibirán un lote de libros. Poderán participar as bibliotecas escolares de  centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 Os equipos deberán compartir unha entrada no blog da biblioteca escolar onde se poida coñecer a acción creativa desenvolvida e máis un pequeno texto explicativo, onde se detalle o proceso levado a cabo (como se fixo).

 A ligazón a esta entrada do blog deberá enviarse ao correo da Asesoría: bescolares@gmail.com

Imaxe de María López Pousa

 

 

 

 

CREAccións das bibliotecas escolares galegas:

 

 

 

 

#bescolaresgalabertas: Biblioteca Creativa

Este é o quinto curso de desenvolvemento do programa "Biblioteca Creativa" integrado por 102 centros. Achegándose ao traballo destas bibliotecas evidénciase que  contemplan todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación. Bibliotecas que acollen e promoven todo tipo de actividades nas que alumnado, profesorado e familias poden atoparse para pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntas.
 
O inicio do curso 2020/2021 estivo cheo de incertidumes e inquedanzas sobre como enfrontar o uso de materiais e espazos.  Os equipos de biblioteca foro quen de atopar solucións como a utilización do espazo e recursos por parte dos grupos de convivencia ou o préstamo a aulas e familias de "kits" con recursos e propostas de actividades. Os obradoiros de formación chegaron, virtual ou presencialmente, permitindo ampliar as miradas.
 
Imaxe do obradoiro de costura no CEIP A.D.R. Castelao de Navia (Vigo-Pontevedra) 
 
Actividades nas bibliotecas escolares: 
 

Día da Ilustración 2021

 

Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación de Profesionais da Ilustración. Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano a protagonista é Lolita Díaz Baliño "... unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época."

Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun complemento da escrita.

 

 

Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo do ilustrador Manel Cráneo autor do cartel deste ano, unha poderosa imaxe da que seguro teremos moitas e variadas lecturas: estéticas, literarias, históricas, mitolóxicas ... ao tempo que viaxamos polas xeografías da ilustración.

 

Nesta data, desde a Asesoría de bibliotecas escolares queremos poñer en valor o  traballo dos ilustradores e ilustradoras  ao longo de 13 anos de creación e de colaboración na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas, que iniciáramos en 2008 , e, de paso, celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros educativos. Imaxes que xurden dun coidado proceso de creación a partir do lema proposto. Imaxes que son testemuña gráfica da evolución das bibliotecas escolares galegas.

 

Ilustradores e ilustradoras dos carteis anuais: 

 

 

Materiais das Xornadas de Formación Biblioteca Creativa 2020

 
Os pasados 26 e 27 de outubro celebráronse, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, as Xornadas de Formación de Biblioteca Creativa 2020. As circunstancias sanitarias que vivimos obrigaron a unha experiencia mixta, coa formación presencial dos centros de nova incorporación e segundo ano para os obradoiros de escornabots e impresión 3D e a formación telemática do resto dos centros que integran o programa. 
Nestas xornadas, os 102 centros compartiron experiencias que son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilita á comunidade educativa múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación.
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes viaxar por estos espazos de expresión e autonomía a través de experiencias cos escornabots, impresión 3D, creatividade, radio, recursos interactivos, alfabetizacións múltiples, E-téxtiles e novas tecnoloxías creativas...
 

Resolución BIBLIOTECA CREATIVA 2020/21

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 14 de outubro de 2020, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2020/21. Incorpóranse 25 novos centros e  publícanse as asignacións que recibirán os 77 centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 102 centros PLAMBE os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.

Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación. 

Profesorado integrante dos equipos de biblioteca destes centros participarán nunhas xornadas mixtas (modo presencial/telemático) que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de outubro na Cidade da Cultura e do que xa se pode adiantar un programa.