2017/2018

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018 en RedeBe

Están dispoñibles en RedeBE os materiais audiovisuais das diferentes intervencións nos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018, ampliando o conxunto de informacións, recursos, presentacións e ligazóns de interese que xa se podían ver nesta aula virtual desde o día seguinte aos encontros, celebrados en Compostela os días 12 e 13 de abril de 2018. Recursos de interese para a formación dos equipos de biblioteca e para todo o profesorado interesado nestas temáticas. 

 

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018

Cartel encontros PLAMBE 17/18

Os días 12 e 13 de abril de 2018 celebraranse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2017/208, a cita anual do profesorado responsable das bibliotecas de centros non universitarios integradas neste programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Estes encontros, configurados como espazo de traballo, aprendizaxe e intercambio de experiencias e propostas, reunirá a 646 docentes, ademais de persoas expertas en distintos ámbitos: bibliotecas públicas e escolares, lectura, didáctica da lingua e da literatura, competencias informacionais e mediáticas, narración oral, gamificación, radio, lectura en contextos de diversidade, literatura infantil e xuvenil, educación audiovisual, poesía, robótica ou impresión 3D e literatura de tradición oral. Así, acompañarán ao profesorado Rosa Piquín, Villar Arellano, Carme Fenoll, Pep Bruno, Charo Pita, Guadalupe Jover, Antonio García Teijeiro, Pilar Sampedro, Montse Pena, Pedro Iturburúa,  Luís Aldegunde, Miguel Horta, Ana Ordás, Ricardo Feijoo, Xerardo Feijoo (Ponte nas Ondas) e Antonio Reigosa.

Un apartado esencial dos encontros o constitúen as 21 experiencias concretas de centros arredor de diversas temáticas: funcionamento dunha biblioteca escolar actualizada, voluntariado de lectura, traballo por proxectos e prácticas de investigación, promoción da lectura e da escritura, biblioteca inclusiva...(dúas destas experiencias proceden de fóra da nosa comunidade). Haberá ocasión para coñecer os avances no modelo de biblioteca como "centro creativo das aprendizaxes" no que xa están traballando varios centros dentro do Proxecto CENTROS LÍA.2, así como a evolución que supón nas prácticas da biblioteca escolar a incorporación dos robots, a impresión 3D e outros materiais e recursos dos novos espazos creativos e manipulativos, que vinculan as nosas bibliotecas á cultura maker. Os responsables das bibliotecas dos centros incluídos no programa Radio na biblio terán tamén ocasión para reunirse, no contexto destes encontros, e intercambiar experiencias. Está prevista a presentación de posters sobre actividades concretas daqueles centros que aceptaron o reto, o  que completará a panorámica actual das bibliotecas escolares galegas. 

En definitiva, un programa extenso para unha actividade formativa que responde á colaboración entre o Servizo de Formación do Profesorado e a D.X. de Centros e Recursos Humanos, da que depende o programa de bibliotecas escolares da CCEOU e que ano tras ano contribúe á formación específica do colectivo docente vinculado ás bibliotecas escolares da nosa comunidade. 

Resolución definitiva Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018

No DOG do 24 de outubro aparece publicada a Orde de 13 de outubro de 2017 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos, para o curso 2017/2018. Seleccionáronse trinta novos centros  públicos e seis centros concertados, polo que o número total de centros integrados neste programa é de 646 (630 públicos e 16 concertados). Todos os centros reciben asignacións para a renovación e actualización dos fondos da colección (en formato impreso, audiovisual, informático e outros). Segundo o tempo que leven os centros no programa poden ter asignacións tamén para renovar mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para que a biblioteca ofreza os servizos propios dunha biblioteca do século XXI, entendida como un "centro creativo das aprendizaxes" onde a lectura, a escrita, a información, a investigación, os multialfabetismos e as expresións culturais máis diversas teñen oportunidades de desenvolvemento.

Os centros que se integran neste programa reciben, ademais dos recursos económicos, formación, asesoramento continuado e acompañamento por parte da D.X. de Centros e Recursos Humanos, responsable do programa, a través da Asesoría de bibliotecas escolares; por outra parte, o profesorado responsable e coordinador dos equipos de biblioteca destes centros participa dun foro profesional no que se comparten informacións, experiencias e propostas de traballo ao longo do curso escolar. Na primavera, en datas aínda por decidir, serán convocados aos "encontros do Plan de mellora", unha actividade formativa específica para este colectivo de profesores e profesoras. 

Nos seguintes gráficos pode verse a composición actual do Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como a procentaxe do alumnado da rede pública de centros beneficiada por este programa

 

 

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018. Centros de nova incorporación

 

O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018, no que se refire aos centros de nova incorporación. Pode haber algúnha incorporación máis en función das renuncias presentadas ou das baixas ocasionadas nos centros PLAMBE.  Iniciado o curso publicarase a resolución definitiva no DOG coa relación de todos os centros integrados no programa, así como o detalle das contías asignadas. 

Sistemas de envío de Solicitudes Plambe 2017-2018


A solicitude de incorporación, continuidade ou renuncia ao Plambe poden enviarse de dúas formas:

1) Preferentemente en formato dixital, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Para empregar este procedemento é necesario que a persoa que realice o envío conte cun certificado dixital, DNI electrónico ou chave 365 para poder autenticarse.

URL do procedemento: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED516A

2) En formato papel: ben por Correos ou ben entregando a documentación nunha oficina de Rexistro. En calquera destes casos deberá ir en sobre aberto para que vos selen a data de envío.

Enderezo postal para o envío en formato papel:

Asesoría de Bibliotecas escolares
Subdirección Xeral de Centros
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Edif. Admin. San Caetano, s/n - 2º andar
15781 - Santiago de Compostela

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018

O 2 de xuño publica o DOG a Orde de 19 de maio de 2017 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018.

Incorporarase un mínimo de 25 centros públicos e un máximo de 10 centros concertados, que se engadirán aos 615 centros que neste momento forman parte do PLAMBE, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, através do cal se estimula a renovación das bibliotecas escolares, mudando as antigas bibliotecas en espazos creativos de aprendizaxe ao servizo do centro e da comunidade educativa, nos que a lectura e o traballo coa información, así como a educación para as competencias informacionais e mediáticas, son os principais ámbitos de actuación e onde se da cabida tamén á creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e, tamén, a construción do coñecemento de xeito compartido. As solicitudes de nova incorporación ou de continuidade deben presentarse no anexo I da convocaroia, xunto coa documentación correspondente, ata o 3 de xullo de 2017 inclusive.