"Nuevas dinámicas para la biblioteca escolar en la sociedad red"

 

A Consejería de Educación, Cultura y Deporte da Junta de Andalucía, publica un novo número da serie BECREA: Nuevas dinámicas para la Biblioteca Escolar en la sociedad red.

As transformacións que se están a producir na actual sociedade da información provocan cambios profundos na escola e as bibliotecas escolares deben estar atentas a adaptarse e acompañar estes cambios, pois é esta a única forma de cumplir a súa función de apoio aos procesos de ensinanza e aprendizaxe que se viven no centro. Aínda máis, as bibliotecas poden ser os instrumentos que as comunidades educativas poden empregar para avanzar na adaptación dos espazos, as metodoloxías e as actividades a novas formas educativas, máis acordes coas necesidades do alumnado actual. E así o veñen demostrando moitos centros que están xa deseñando e traballando en clave de presente e de futuro: ampliando espazos, diversificando funcións, modificando o concepto de colección coa incorporación dos recursos electrónicos, liderando propostas que facilitan a aprendizaxe baseada en proxectos, facilitando a lectura individual pero tamén a lectura compartida, a lectura social, incorporando a toda a comunidade educativa nas súas actuacións.

Esta nova achega desde Andalucía, baixo a dirección de José García Guerrero, incide nos cambios necesarios que a biblioteca debe abordar e facilita unha excelente selección de recursos para poder levar a cabo estas transformacións. Sen dúbida, unha ferramenta que será moi útil para todo o profesorado implicado no desenvolvemento das bibliotecas dos centros.