Revista Galega de Educación nº 48, especial bibliotecas escolares (2010). O pdf

Xa no momento da súa publicación (2010) déramos noticia deste número 48 da Revista Galega de Educación, do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, dedicado especialmente ás bibliotecas escolares galegas.

Agora os responsables da publicación autorizan a difusión vía internet desta publicación, o que facilita o acceso a un material de interese: un artigo de Manuel Area sobre o papel da biblioteca escolar na alfabetización no século XXI; artigos sobre as bibliotecas escolares galegas e as transformacións que viviron na última década a cargo de Pilar Sampedro e Cristina Novoa, responsables da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería; unha entrevista a Juan Mata; experiencias de máis dunha ducia de centros e visións da biblioteca desde a dirección dun centro ou desde a función de inspección. Compleméntase cunha selección de recursos impresos e dixitais en relación coa biblioteca escolar, a lectura e a competencia informacional.

Os clubs de lectura, a Hora de Ler, as mochilas viaxeiras, os proxectos documentais integrados, os axudantes de biblioteca, a integración das TIC, o Proxecto Lector de Centro, a colaboración tentre distintas bibliotecas, a biblioteca escolar como factor de compensación social... Todos estes aspectos e moitos máis que protagonizan o día a día das bibliotecas escolares galegas, recollidos neste especial que recomendamos como documento de referencia.

 

ACCESO AO PDF AS BIBLIOTECAS ESCOLARES (Revista Galega de Educación, nº 48)