Neste novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, chéganos unha nova desde o o IES Miguel Ángel gonzález Estévez, de Carril (Vilagarcía de Arousa), que amosa o resultado dun traballo colaborativo, coa participación de profesorado do Departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e a Biblioteca Escolar do centro durante o curso 2015/2016. Gústanos saber, ademais, que este traballo do alumnado de 1º de ESO (agora en 2º curso) segue a estela do lema "Biblioteca EScolar, base de exploracións" proposto ás bibliotecas escolares galegas no pasado ano escolar.
O espazo verde do IES Carril é unha "completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar do centro desde os seus inicios alá polo ano 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos. A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés, o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular do exemplar do instituto."