Os días 7 e 8 de abril próximos celebraranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares do curso 2015/2016, coa asistencia de 145 responsables de bibliotecas integradas no programa, na primeira xornada, e representantes da totalidade dos centros (575) xa na segunda xornada. Este encontro anual do profesorado que xestiona e coordina as bibliotecas integradas no PLAMBE, serve para avanzar na formación deste colectivo e constitúe un espazo de reflexión, intercambio de experiencias e propostas arredor dos ámbitos de actuación da biblioteca escolar: a lectura, a información, a aprendizaxe.
Abordaranse os retos educativos que a biblioteca debe enfrontar e as posibilidades que ofrece para o cambio metodolóxico imprescindible. Entre outras experiencias de interese presentaranse varios dos traballos galardoados no II Concurso de Traballos por Proxecto, coordinados ou co apoio da biblioteca escolar.
Acompañarán ao profesorado expertos e investigadores en diversos ámbitos: Gemma LLuch, Mónica Baró, Eduardo Sáenz de Cabezón ou Ana Bernal. Pechará os encontros Manuela Silva, actual coordinadora da Rede de Bibliotecas Escolares de Portugal, programa que cumpre agora os 20 anos de existencia cunha excelente realidade, a pesar de todos os atrancos, faro sempre para as actuacións desde esta consellería.