Por segundo ano consecutivo, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promóvose a celebración de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS, sumándose á celebración doutras iniciativas como o Día da Ciencia en Galicia, da Real Academia Galega de Ciencias, celebrado o pasado 1 de xuño e dedicado á oceanógrafa galega Ánxeles Alvariño, ou o Día da Ciencia en Galego, a celebrar o 4 de novembro, a instancia da Institución Galega de Ciencia entre outras institucións.
Desta vez o autor do manifesto para o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas é o científico e divulgador da Universidade de Santiago, Jorge Mira, quen lembra no seu fermoso texto que "o galego, tanto pola riqueza que lle dá o seu milenio de historia, como pola súa condición de porta aberta a centos de millóns de persoas da lusofonía, é vehículo esencial para transportar masivamente a ciencia e o labor dos moitos científicos de excelencia que temos en Galicia."
Desde a consellería editouse, tamén, un FOLLETO INFORMATIVO con informacións diversas sobre a celebración deste Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, recollendo a programación das bibliotecas públicas nodais (dependentes da administración autonómica), así como otras informacións de Bibliotecas Escolares de Galicia, en relación con esta temática.
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares ofrécese a páxina de Recursos para a Ciencia en Galego como unha contribución ao traballo nos centros.
As bibliotecas escolares, ao igual que en anos anteriores, comezan a difundir as actividades programadas para este mes. A Modo de exemplo, desde a biblioteca do CEIP Alexandre Bóveda, de Vigo, fálannos do material elaborado desde o equipo TIC do centro para a conmemoración do Día da Ciencia en Galego, sobre a figura de Ángeles Alvariño. Outras actuacións:
- CEIP Canosa-Rus (Coristanco): Mes da ciencia en galego: "Maxia vs Ciencia"
- CEIP de Cervo (Lugo): Novembr, mes da ciencia... ficción -- Un cole de película
- CEIP Frián-Teis (Vigo): Facendo ciencia na escola
- CEIP P. A Pontenova (A Pontenova): Con Gusileo e a Biblionova celebramos o mes da ciencia
- CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra): Día da Ciencia en Galego en Quintela
- CEIP Virxe do Carme (Burela): Ecosistemas (vídeos 2º primaria)
- CPI Cabo da Area (Laxe, A Coruña): Novembro=Ciencia na biblioteca
- CPI de San Sadurniño (San Sadurniño, A Coruña): Novembro, Mes da Ciencia en Galego 2015
- EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña): Concurso de vídeo "Ciencia e deporte"
- EEI de Vilarrodís (Arteixo): Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas Escolares
- IES de Fontexería (Muros): Exposición temática sobre os 100 anos da Teoría da Relatividade
- IES Laxeiro (Lalín, Pontevedra): Día da Ciencia en Galego -- Actividades no IES Laxeiro -- Ángel Carracedo no IES Laxeiro
- IES Monte das Moas (A Coruña): Día da Ciencia en Galego -- Exposición "O Patrimonio Marítimo de Galicia" -- Folla de visita da exposición
- IES de Porto do Son (Porto do Son, A Coruña): VI Día da Ciencia en Galego con Xurxo Mariño
- IES Universidad Laboral (Culleredo): Exposición fondos de ciencia e ciencia-ficción -- Día da Ciencia en Galego con Xurxo Mariño
- IES A Xunqueira II (Pontevedra): Videoconferencia con Xurxo Mariño -- Semana da ciencia 2015. Luz, sombra e penumbra