A normativa curricular vixente para as ensinanzas de primaria contempla unha hora semanal de libre configuración para 4º e 6º de primaria, que os centros poden dedicar a diferentes cuestións en función das necesidades do alumnado e do proxecto educativo de centro. Trátase dunha excelente oportunidade para traballar co alumnado contidos de uso, tratamento e produción de información, os denominados contidos ALFIN (Alfabetización Informacional) a través de pequenos proxectos de investigación. Esta sería unha intervención decidida a favor da competencia informacional do alumnado, integrada na chamada "competencia dixital", unha das chamadas competencias "clave" que agocha un complexo entramado de habilidades, destrezas, coñecementos e actitudes imprescindibles para se mover na sociedade da información.
A partir do desenvolvemento curricular que a Consellería de Cultura, Educación e O.U. ten publicado para unha materia de libre configuración denominada, INVESTIGACIÓN E TRATAMENTO DA INFORMACIÓN, destinada a 1º e 2º curso de ESO, e coa bagaxe da súa longa experiencia de traballo neste ámbito como responsables da biblioteca escolar, as profesoras, Isabel Vázquez, do CEIP Quintela (de Moaña, Pontevedra), e Olga Rodríguez, do CEIP Milladoiro (de Malpica, A Coruña), coa colaboración da Asesoría de bibliotecas escolares, veñen de realizar unha adaptación para 4º e 6º curso de primaria, baixo o título APRENDER A INVESTIGAR, á que se dá difusión pola axuda que pode supoñer ao profesorado dos centros nos que xa se está a traballar neste ámbito. Pode, así mesmo, espertar o interese entre o conxunto do profesorado, que pode incluír estes contidos na súa práctica pedagóxica nas distintas áreas de aprendizaxe.
Na imaxe, nenas e nenos do CEIP de Leirado, nunha sesión de traballo coa información na súa biblioteca escolar.