O venres 5 de xuño reunirá en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en máis de 230 centros educativos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e ensinanzas de persoas adultas).
Esta VIII Xornada dos Clubs de lectura é unha oportunidade para a profundización en temáticas relacionadas coa lectura e os xéneros literarios, tamén para reflexionar sobre o papel dos clubs de lectura do ámbito educativo na construción da sociedade lectora, así como para intercambiar experiencias e actividades. Este encontro anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura é un espazo para reflexión conxunta, tamén para a creación e reforzo de vínculos profesionais arredor dos libros, a lectura e, finalmente, a educación.
Esta VIII Xornada será tamén ocasión para entregarlle a Agustín Fernández Paz o Premio dos Clubs de Lectura 2015, tal e como se recolle na resolución do pasado 23 de abril, da D.X. de Centros e RRHH, pola que se establece este premio que se concederá cada ano ao autor ou autora galego que foi lido por un maior número de clubs de lectura no curso inmediatamente anterior. Agustín Fernández Paz recibirá pois este galardón dos lectores e das lectoras, e impartirá a conferencia inaugural da xornada. Acompañarán ao profesorado asistente, así mesmo, o xornalista e crítico literario César Lorenzo Gil, director de Biosbardia, e o escritor e crítico de cine e televisión, Miguel Anxo Fernández, que impartirá a conferencia final. Haberá ocasión para o intercambio de experiencias e a reflexión compartida arredor de diferentes temáticas que ocupan e preocupan ao profesorado que coordina os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia.