Convocatoria do II Concurso de Traballos por Proxectos

Tralos bos resultados da primeira convocatoria, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publica hoxe no Portal Educativo o II CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS, para traballos realizados durante o curso 2014/2015. Poderán presentarse os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de calquera tipoloxía.

O obxecto deste concurso é o de estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP).  Os centros poderán optar por algunha destas modalidades:

  1. Proxectos de carácter interdisciplinar, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou un 40% dos departamentos). 
  2. Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
    • Traballos de grupo/nivel
    • Traballos de ciclo/departamento
    • Proxectos realizados na materia de “Proxecto Interdisciplinar” de 1º curso de ESO

Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades. A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero se contemplará un apartado especial de traballos do ámbito científico.

O prazo de presentación de traballos remata o día 30 de xuño de 2015.  Os centros galardoados recibirán asignacións para a atención das necesidades da biblioteca escolar,  especialmente no ámbito da información. 

TEXTO DA CONVOCATORIA DO II CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS