Biblioteca escolar... matemático!!!

 

 

 

 

Biblioteca escolar... matemático!!! é o lema elixido este ano para o cartel da campaña de comezos de curso nas bibliotecas escolares galegas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa así a liña iniciada no pasado curso, coa que se pretende incidir na función da biblioteca como apoio ás necesidades das distintas áreas de aprendizaxe. Nesta ocasión, o lema xoga a salientar o papel imprescindible da biblioteca escolar e, ao tempo, quere lembrar a necesidade de espertar o interese polas matemáticas, achegándose a elas de forma natural e incitando a descubrir a súa presenza na natureza e nos obxectos que nos rodean. 

O ilustrador David Pintor foi o encargado de poñer imaxe ao lema desta campaña e velaquí a súa interpretación: unha biblioteca matemática polos catro costados, chea de vida e ben ilustrativa do que este espazo educativo pode ofrecer ao noso alumnado. 

Existen xa interesantes experiencias en bibliotecas escolares galegas que contemplan entre as súas actividades propostas concretas arredor das matemáticas. Agardamos que esta  nova iniciativa sirva para apoiar novas propostas e favoreza unha maior presenza desta área do coñecemento nas bibliotecas escolares e no día a día dos centros. 

 

 ACCESO AO CARTEL