O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.
- CEIP José María Lage (Ortigueira, A Coruña)
- CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro, Lugo)
- CEIP Filomena Dato (Barbadás, Ourense)
- CEIP Manuel Sieiro (Crecente, Pontevedra)
Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.
Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014, recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.