A biblioteca, un espazo para a ciencia



O profesorado das áreas de ciencias ten na biblioteca escolar un aliado esencial para motivar ao seu alumnado, e para ofrecer fontes alternativas ao libro de texto: recursos variados, actualizados, motivadores, imprescindibles para contrastar a información; recursos electrónicos seleccionados, acceso a fontes diversas e plurais. Pero a biblioteca é tamén unha plataforma para a difusión dos traballos de investigación do alumnado.

Nesta ocasión, a biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) é escenario para a presentación dun "concurso" de maquetas realizadas polo alumnado de ESO na materia de Bioloxía. E velaquí o vídeo que documenta este importante momento para o alumnado: o de explicar o "produto" dun proxecto. Detrás da maqueta hai horas de investigación, explicacións, estudo, deseño, colaboración e aprendizaxe. Saber expoñer o traballo, neste caso unha maqueta, ao resto dos compañeiros, é tamén unha práctica necesaria porque en tempos da sociedade da información as habilidades orais, lonxe de quedar superadas, constitúen unha das ferramentas máis poderosas para moverse no ámbito persoal, académico, laboral, social e cidadán.