No CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro) xa botaron a andar as mochilas viaxeiras. Esta iniciativa integrada no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura nos centros de ensino, subministra as mochilas que as bibliotecas enchen de contido e xestionan en préstamo domiciliario ás familias. Nenas e nenos son os embaixadores da biblioteca nas súas casas e comparten cos seus, grandes e pequenos, os libros, as revistas, as películas a música cos que a mochila vai cargada. As familias poden realizar suxestións ou contar a experiencia de lectura compartida no "diario da mochila". A experiencia dos centros é positiva pero o éxito ten un par de claves: boa selección de contidos e, sobre todo, nada de imposicións. En materia de lectura, o encantamento dá mellores resultados.