Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013/2014

O DOG do 18 de setembro publica a Orde de 2 de setembro de 2013, pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2013/2014.

Tralas tres baixas habidas con respecto ao curso anterior e coa incorporación de 23 centros novos, esta Rede de bibliotecas escolares galegas consta dun total de 524 centros.

Todos os centros incluídos neste programa reciben axudas para  renovar os fondos da colección (sexa en formato impreso ou electrónico); á súa vez, os centros que se incorporan nesta convocatoria e os centros da convoCatoria 2012 reciben axudas significativas para mellorar os equipamentos necesarios de cara á ofrecer servizos e realizar actividades propias das funcIóns que lle corresponden á biblioteca escolar: apoiar o desenvolvemento dos currículos en todas as áreas de aprendizaxe, formar lectores competentes, espertar o gusto pola lectura en todos os sectores da comunidade educativa (é dicir, servir de recurso fundamental ao desenvolvemento dos Proxectos Lectores de Centro);  contribuír a adquisición de competencias clave para o alumnado, como son a competencia de aprender a aprender ou a competencia mediática e informacional (lectura crítica das linguaxes dos distintos medios de comunicación actuais, pero tamén o uso e produción de información desde unha perspectiva ética). Todas estas funcións están recollidas no artigo 113 da LOE e na normativa curricular vixente. 

ACCESO DIRECTO AO TEXTO DE RESOLUCIÓN