Chéganos, desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), este documental sobre o poeta que dá nome ao centro, Xosé María Díaz Castro. A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro "inclúe entrevistas e enquisas na rúa, ademáis dun apartado musical importante con varios temas que inclúen os versos de Díaz Castro e son interpretados pola aula de música do centro. O documental foi realizado por alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO dentro dun proxecto enmarcado nos programas da Consellería de Educación de fomento da excelencia..
Dende a escrita do guión, ata a realización das entrevistas, todo o documental foi realizado polo alumnado co apoio de profesores e máis de Cristina de la Torre, xornalista e realizadora en Pasen y Vean Comunicación, quen se encargou de dirixir o obradoiro. A directora do centro, Olga Aguiar, destaca que o resultado superou con moito as expectativas e agardan que a curtametraxe lle dea repercusión ó traballo educativo que se realiza cos alumnos do rural galego, ademais de axudar a difundir a figura de Díaz Castro: “Un autor aínda moi descoñecido e que precisa recuperar o seu lugar no imaxinario cultural galego”. Sandra Tenreiro, a profesora de música e que compuxo as cancións, destacou a creatividade e implicación dos rapaces, ata o punto de que un alumno de bacharelato versiona e rapea un dos poemas. Tódalas cancións terán licenza Creative Commons e estarán dispoñibles en Internet. "
Sumámonos á biblioteca do centro na difusión deste excelente traballo que fala por sí só da creatividade e da capacidade do alumnado, cando está ben acompañado por un profesorado atento e sensible, consciente do seu papel no momento educativo que nos toca vivir. Parabéns!