A iniciativa do CEIP DE CERVO (Cervo, Lugo) varios centros da Mariña luguesa embarcáronse neste curso na celebración dun Día da Arte Galega na Escola, arredor do 1 de xuño, data na que se conmemora o nacemento de Luís Seoane. A intención última é a de coñecer pouco a pouco aos grandes artistas plásticos galegos e abrir a escola aos artistas locais, creando vínculos de colaboración coa cultura do medio máis próximo.
Coma este ano, o 1 era sábado, pasaron a celebración para a primeira semana de xuño. Comezan a chegar as noticias sobre as actividades que están levando a cabo, que difundimos polo seu interese e por ser un exemplo de colaboración intercentros; amosan tamén as posibilidades que o medio ofrece para traballar contidos curriculares, pero tamén para a adquisición de habilidades e competencias básicas, como é a competencia cultural e artística.
- CEIP de Cervo (Cervo)
- CEIP Virxe do Carme (Burela)
- CEIP de Covas (Viveiro)
- IES Perdouro (Burela)
Pola súa parte, a biblioteca do CEIP de Cervo propuxera á súa comunidade educativa un proxecto interdisciplinar, A arte que nos rodea, sobre a arte, que desenvolveron durante todo o curso e no que se involucraron moitos artistas da comarca.
Á súa vez, outros centros de Galicia sumáronse a esta iniciativa de celebrar un Día da Arte Galega na Escola, ou traballaron estes contidos durante o ano. Así, o CEIP de Andrade (Pontedeume, A coruña) estivo inmerso nun proxecto denominado As cores de Galicia, no que investigaron entre outras cousas, ás pintoras galegas, na súa actividade "As cores de Galicia, pinceladas de muller". Elaboraron uns materiais ben interesantes, incluído un caderno do alumnado.