A comunidade educativa do CEIP A Sangriña (A Guarda, Pontevedra) están inmersa nun proxecto documental impulsado desde a biblioteca e baixo o título COÑECE O TEU POBO. A través do blogue da biblioteca podemos acceder ás crónicas sobre os traballos que andan a facer e tamén ver algúns dos materiais que entre todos, e como resultado das súas investigacións, van elaborando. Un traballo que aproxima ás nenas e aos nenos ao seu medio máis próximo e lles aprende a mirar e a sentir o pobo no que viven. O que debera ser, na nosa opinión, un proxecto obrigatorio para todos os centros, e que debera acometerse de forma periódica, polas súas posibilidades e pola urxencia de procurar a comprensión das claves de cada colectividade. Xogos antigos, lavadoiros, patrimonio relixioso, praza de abastos,peixe seco, casas indianas, redeiras... eses son os aspectos que escolleron desta vez para investigar e que, como se desprende das imaxes, ofrecen oportunidades de aprendizaxe e práctica de habilidades e competencias imprescindibles.