O vindeiro 2 de Abril conmemórase, tal e como se vén facendo desde o ano 1967, o nacemento de Hans Christian Andersen. A IBBY declarou esa data Día Internacional do Libro Infantil, co fin de lembrar a importancia de ofrecer bos libros a todas as nenas, a todos os nenos, libros de calidade que esperten a súa imaxinación e os axuden a medrar como lectores e como persoas.
Cada ano, esta organización internacional encárgalle unha imaxe e un texto a autores de diferentes países. Nesta ocasión, a autora do texto é a mexicana Pat Mora e o ilustrador do cartel é o estadounidense Ashley Bryan
A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder ao poema de Pat Mora nas catro linguas do Estado, un poema que remata así:
Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.
Unha boa oportunidade para coñecer a existencia de distintas correntes artísticas, pictóricas e literarias, que enriquecen coa súa mirada o mundo no que nos tocou vivir.