"Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse -por amplos corredores ou portas secretas- como as salas dun pazo inmenso, forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, o liberespazo, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E ao converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre." Carlo Frabetti
No Día Mundial do Libro do ano 2008 dábamos a coñecer un texto-agasallo do escritor Carlo Frabetti para as Bibliotecas Escolares de Galicia: O liberespazo. Retomamos, cinco anos despois, aquel fermoso texto e aproveitamos esta cita para deseñar, xunto co ilustrador Andrés Meixide, un "pase ao liberespazo", destinado aos lectores e lectoras. Estes poderán ir recollendo as súas "viaxes" polos libros e, a través do visado da biblioteca (que dá fe destas viaxes), acadar a categoría de "libernautas", con dereito propio a viaxar libremente polo "liberespazo". Este material edítase en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través do programa "Leer para aprender. Leer en la era digital".
Nos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares fíxose entrega de exemplares desta pequena publicación, con destino ás bibliotecas escolares do Plan de mellora. O profesorado interesado en empregar este "pase" co seu alumnado, pode DESCARGALO AQUÍ (imprimir a tamaño A5)e AQUÍ (con marcas de corte)
Desde a EEI Barrionovo, de Arteixo, chéganos esta primeira nova da súa presentación ás nenas e aos nenos do centro. E agora, noticia sobre os primeiros "libernautas".
+ LIBERNAUTAS no CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo)