Na mañá de hoxe, 20 de febreiro de 2013, o auditorio da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu a presentación dun proxecto piloto para a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, E-LBE, integrado no PLAN LÍA de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En novembro de 2012, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos realizou unha convocatoria destinada aos centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibíronse un total de 327 solicitudes e procedeuse á selección de 25 centros que cumprían os dous requisitos previstos: compromisto coa biblioteca escolar (manifestado na memoria do curso anterior) e instalación en concellos rurais galegos. Cunha sesión informativa e a entrega dos lectores electrónicos aos centros seleccionados botou a andar este pequeno proxecto que busca, fundamentalmente, proporcionar ao alumnado novas experiencias de lectura.
Nesta sesión estiveron presentes os responsables das bibliotecas do CEIP Mestre Valverde Mayo, de Mos (Pontevedra) e do IES Lama das Quendas, de Chantada (Lugo), que xa botaran a andar iniciativas de uso de lectores electrónicos nos seus centros, para comentar a súa experiencia e proporcionar, así, información sobre liñas de actuación posibles.
Os centros incluídos neste proxecto E-LBE contarán cun equipamento de 3/4 dispositivos de lectura electrónica que utilizarán en función dos obxectivos do Proxecto Lector de Centro e coa orientación que o equipo de biblioteca crea máis oportuno. A final de ano participarán, mediante un breve formulario, na elaboración dun informe para a valoración desta experiencia.
Achégase un díptico informativo e unha relación máis ampla de recursos electrónicos relacionados coa lectura dixital e o libro electrónico.
PPT Proxecto E-LBE -- PPT CEIP Valverde Mayo (Mos) -- IES Lama das Quendas (Chantada)
+ Informacións: IMIT (Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica) -- Portal Xunta de Galicia