Os días 23 e 24 de marzo e o 1 de abril reuníronse os responsables das bibliotecas escolares integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, na súa primeira convocatoria, correspondente ao curso 2005/2006.
Reuníronse en Sanxenxo primeiro, e máis tarde en Santiago, profesoras e profesores que están ao fronte das súas bibliotecas ou que colaboran nas mesmas, procedentes dos 40 centros cos que a consellería iniciou este programa específico para a creación dunha rede de bibliotecas escolares.
O obxectivo destes encontros era afondar na formación do profesorado que ten que como responsabilidade xestionar e dinamizar este importante servizo educativo, reflexionando sobre as súas funcións, analizando logros e dificultades e intercambiando recursos, materiais e ideas... A sesión de Santiago estivo dedicada exclusivamente ao programa de xestión informatizada das bibliotecas, o MEIGA, de titularidade da Consellería de Cultura e Deporte e que está a ser empregado para a rede de bibliotecas escolares.
En conxunto, estes encontros responderon á necesidade de intercambiar experiencias e participar activamente nunha actividade de formación apoiada pola presenza de especialistas chegados de distintas comunidades autónomas, como Andalucía e mesmo do país veciño, Portugal.