Os días 9 e 10 de novembro de 2012 terán lugar, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos), as IV XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, cita anual do colectivo de profesores e profesoras comprometidos coa biblioteca escolar e a lectura nos centros públicos galegos. Logo da paréntese de 2011 (ocasionada pola celebración, nas datas acostumadas, do que fora o congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, con carácter estatal), reanúdase unha actividade que, con periodicidade anual, combinando a fórmula xornadas/encontros, vén reunindo a máis de mil docentes en Compostela, preocupados por mellorar a súa formación en todo o relacionado coa lectura na actual sociedade da información, así como as estratexias necesarias para unha axeitada educación neste terreo, pois as bibliotecas escolares son territorios privilexiados para adquirir competencias imprescindibles para moverse polo mundo da información, son centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, fundamentais en colexios e institutos.
O lema destas xornadas, LER PARA VER, recolle a necesidade de educar para unha lectura comprensiva e crítica dos medios de comunicación, dos medios polos que se transmite información na sociedade actual, máis aló de soportes ou xéneros discursivos. No programa contémplanse conferencias plenarias (Fabio Tropea, Tíscar Lara, Luis González) e mesas de experiencias, coa participación de expertos en distintos medios, relacionándoos coa educación (prensa, radio, cómic, videoxogos, arte, audiovisuais, vídeo, cine, animación....) e responsables de bibliotecas escolares con boas prácticas nestes ámbitos.
Está aberto o prazo para a inscrición nesta xornada de formación (12 horas), na aplicación FPROFE, con data límite do 12 de outubro. O código da actividade é G1202009, e atópase aloxada nas actividades do Plan Anual de formación do profesorado 12/13, do CAFI-Santiago. É unha actividade organizada conxuntamente por este organismo, dependente do Servizo de Formación do Profesorado, e pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
-
INFORMACIÓNS RECENTES RELACIONADAS CO TEMA DAS XORNADAS