Achégase o mes de outubro e as bibliotecas escolares están xa inmersas en proxectos e actividade. Por moi escuro que sexa o futuro, sen dúbida está aí, chamando á porta, e as bibliotecas han estar preparadas e adiantarse un paso, sen deixar de soñar.
Para celebrarmos o Día da biblioteca (24 de outubro), o mes da biblioteca escolar (segundo convocatoria da IASL), un curso máis, a Consellería de Educación edita un cartaz cunha imaxe dun autor galego. Nesta ocasión, Emma Ríos, ilustradora do mundo do cómic, interpreta o lema proposto, Biblioteca escolar, última xeración, e ofrécenos unha visión alegre e cómplice do que son e poden ser as bibliotecas escolares: lugares de encontro e de convivencia, espazos de aprendizaxe e de contacto gozoso coa cultura escrita; integración dos distintos soportes e formatos que albergan a información e os contidos culturais, oportunidades para soñar e imaxinar; apoio para a adquisición de competencias básicas e construción de coñecementos de calquera tipo; escolas de cidadanía.
+ información sobre EMMA RÍOS no portal Banda Deseñada, do Consello da Cultura Galega.